A Oferta de Emprego Público da Administración xeral para 2024 ascende a preto de 2.000 prazas, das que máis de 600 son de acceso libre
A Oferta de Emprego Público da Administración xeral para 2024 ascende a preto de 2.000 prazas, das que máis de 600 son de acceso libre
Uns 300 empregados e empregadas públicas poderán ascender de categoría a través de procesos de promoción interna.
Ofértanse tamén 984 prazas para a funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo.
A Oferta de Emprego Público da Administración xeral para 2024, incluíndo as entidades instrumentais do sector público autonómico, ascende a preto de 2.000 prazas (1.973), das que máis de 600 (637) son de acceso libre. Na elaboración desta oferta, que se acaba de presentar ás organizacións sindicais na Mesa Xeral, o Goberno galego aplicou a taxa máxima de reposición permitida polo Estado, que é a establecida no ano 2023, xa que son os últimos PGE aprobados.
Esta oferta tamén inclúe 300 prazas para a promoción interna do persoal funcionario de carreira, e 984 postos para continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia. A isto hai que sumar outras 52 prazas para a promoción interna horizontal.
Esta oferta garante a posibilidade de que calquera persoa que cumpra os requisitos poida acceder a un emprego fixo, estable e de calidade na Administración autonómica, tamén o dereito do persoal empregado público a unha promoción profesional, así como continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo.
Acceso libre
Do total das 637 prazas de acceso libre, máis de 250 serán para os principais corpos e escalas da Administración xeral, entre as que destacan 165 prazas para persoal de limpeza e cociña, e 33 do Corpo auxiliar (C2), así como 24 do Corpo administrativo (C1), 10 irán para o Corpo superior (A1), outras 10 para o Corpo de xestión (A2) e 10 destínanse á escala de persoal subalterno e están reservadas para as persoas con discapacidade intelectual.
Máis de 300 prazas son para escalas da Administración especial, entre as que destacan 75 prazas de bombeiro/a forestal, 50 prazas de auxiliares de coidadores, 45 prazas de auxiliar de cociña ou 20 prazas de auxiliares de clínica.
A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias.
Así mesmo, ofértanse un total de 54 prazas de acceso libre en entidades do sector público autonómico.
Promoción interna
Ás prazas de acceso libre súmanse outras 300 prazas para a promoción interna do persoal funcionario de carreira, uns procesos reservados a empregados e empregadas públicas que xa son persoal funcionario e que poden acadar un ascenso ou promoción profesional a postos de traballo de maior responsabilidade e retribución.
En concreto convocaranse 18 prazas para o Corpo superior (A1), 35 para o Corpo de xestión (A2), 73 para o Corpo administrativo (C1), ou 170 prazas para o Corpo auxiliar (C2).
Ademais, a oferta tamén recolle 52 prazas para a promoción interna horizontal, un sistema de promoción previsto para dar a oportunidade de funcionarizarse ao persoal laboral fixo que non cumpre os requisito de antigüidade previsto na disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para acceder ao proceso de funcionarización.
Funcionarización
Finalmente, inclúense 984 prazas para continuar co proceso voluntario de funcionarización do persoal laboral fixo. A diferenza da promoción interna, estas probas non teñen carácter competitivo, senón que permiten modificar o réxime xurídico do traballador, que pasa de ser empregado laboral fixo a funcionario de carreira da Administración.
Prazas reservadas para persoas con discapacidade
A reserva de prazas para persoas que acrediten discapacidade nesta oferta de emprego público acada o 11,09% das prazas. Unha parte delas será para o acceso de persoas que acrediten discapacidade intelectual. A reserva é maior do que establece a lexislación, que marca un mínimo do 7% para facilitar o acceso da discapacidade á función pública.