A Xunta abre mañá o prazo de solicitude para as probas coas que avaliará as competencias clave en matemáticas e linguas dunhas 4.000 persoas

A Xunta abre mañá o prazo de solicitude para as probas coas que avaliará as competencias clave en matemáticas e linguas dunhas 4.000 persoas

As solicitudes para realizar as probas poden cursarse desde mañá e ata o próximo 10 de febreiro a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia
As probas diríxense a persoas que non teñan título da ESO ou Bacharelato e desexen cursar certificados de profesionalidade que inclúen como requisito esa formación

Desde o ano 2009, máis de 41.500 galegas e galegos solicitaron acreditar as súas competencias clave a través deste procedemento artellado pola Xunta

A Xunta convoca hoxe no Diario Oficial de Galicia as probas de avaliación en competencias clave para que as persoas que non posúen a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou o Bacharelato poidan acreditar os seus coñecementos e así acceder á formación para o emprego e cursar os certificados de profesionalidade que os inclúen como requisito.   

O Goberno galego estima que unhas 4.000 persoas se interesen pola convocatoria 2023 das probas, nas que se valorarán as competencias das persoas participantes en matemáticas e comunicación en lingua castelá, galega e inglesa.

A presentación de solicitudes arranca mañá e rematará o próximo 10 de febreiro. As persoas interesadas poden tramitar a súa petición a través da Sede Electrónica da Xunta (código de procedemento TR306A).

Está previsto que os exames teñan lugar o próximo mes de maio en sesións de mañá e tarde, no Recinto Feiral de Silleda, en Pontevedra.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten a dispor das persoas interesadas  contidos formativos para que se poidan preparar para as probas a través do seu Campus Virtual de Emprego.

O Goberno galego convoca estas avaliacións co obxectivo de facilitar que as persoas traballadoras galegas poidan acceder ás accións formativas dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3, que requiren estar en posesión de titulacións mínimas ou ter as competencias clave necesarias. Para acadalas, ademais de facer as probas que hoxe se convocan, a cidadanía tamén pode realizar cursos de formación específicos. Para os certificados de nivel 1, pola contra, non existen condicionantes académicos nin laborais.

Con estas medidas a Xunta trata de favorecer o acceso á cualificación profesional de galegas e galegos, sen que a súa formación académica previa poida resultar un impedimento á hora de incrementar as súas opcións laborais no futuro. 

Dende 2009 ata 2022, solicitaron participar nestas probas un total de 41.529 persoas.

Para obter máis información xeral sobre as probas e exemplos de exames, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dispón do enderezo web:  https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave.