A Xunta activa as axudas para que os concellos reciban achegas para financiar os CIM e promovan medidas de conciliación e contra a violencia de xénero
A Xunta activa as axudas para que os concellos reciban achegas para financiar os CIM e promovan medidas de conciliación e contra a violencia de xénero
- A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, informou de que a Xunta inviste este ano 9,3M€ en axudas a entidades locais para previr a violencia de xénero, promover a igualdade e a conciliación e financiar o labor dos 84 Centros de Información á Muller (CIM) despregados por Galicia.
- A resolución diríxese a concellos, consorcios ou mancomunidades, que poden cursar as súas solicitudes ata o próximo 8 de xuño, de xeito individual ou compartida.
- A iniciativa destina preto de 4,5M€ para fomentar a conciliación e a corresponsabilidade; 4,3 M€ para os Centros de Información á Muller (CIM); e 500.000€ para programas de igualdade e que aborden a violencia de xénero
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que, dotada con máis de 9,3 millóns de euros, apoiará ás entidades locais galegas no desenvolvemento de programas orientados a tres finalidades: favorecer a igualdade entre mulleres e homes, fomentar a conciliación e a corresponsabilidade e para financiar o labor dos Centros de Información á Muller (CIM) como recursos de proximidade.
A iniciativa, tal e como informou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, forma parte do compromiso da Xunta de Galicia para manter o impulso da conciliación da vida persoal, laboral e familiar de galegas e galegos. Tamén para traballar desde o eido local na prevención da violencia de xénero e impulsar a igualdade a través dos 84 CIMs xestionados polos concellos e distribuídos por toda Galicia.
Poden ser beneficiarias desta resolución as entidades locais (concellos, consorcios ou mancomunidades) que poden cursar a súa solicitude, de xeito individual ou compartido, ata o próximo 8 de xuño.
En canto á dotación, a Xunta de Galicia destinará 500.000 de euros para accións municipais de promoción da igualdade; preto de 4,5M€ ás de fomento da conciliación e a corresponsabilidade e máis de 4,3M€ para apoiar o labor dos CIM.
Apoio á conciliación
As accións dirixidas a favorecer a conciliación e a corresponsabilidade no eido local finánciase este ano a través do Plan Corresponsables e permitirán a posta en marcha de medidas de conciliación e a corresponsabilidade para familias con fillas e fillos menores de 16 anos. Darase prioridade aos fogares monoparentais, vítimas de violencia de xénero, desempregadas de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou a unidades familiares con outras cargas relacionadas cos coidados.
As axudas máximas ás que optan as entidades locais son de 150.000 euros no caso de solicitude individual e de ata 225.000 euros se a xestión é compartida.
No marco desta liña “apóianse, por exemplo, servizos que queiran poñer en marcha os concellos a favor da cidadanía, de coidado profesional no domicilio, ou tamén medidas de conciliación en dependencias públicas”, indicou Lorenzana. Recibirán financiación, tamén, as entidades locais para o deseño de plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias para promover a perspectiva de xénero e fomentar a corresponsabilidade no eido dos coidados.
Financiación para os CIM
A segunda liña de financiamento deste programa é a dirixida a apoiar o labor dos Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia, unha rede composta na actualidade por 84 oficinas que dan cobertura a 193 concellos e atenden unha media de 9.500 mulleres cada ano. Invístense 4,3 millóns de euros a esta actuación para financiar os gastos das e dos profesionais destes centros que desenvolven postos laborais de dirección, asesoramento, xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.
Tal e como destacou a conselleira, “con esta liña estamos a axudar aos concellos á financiación do persoal que traballa nestes centros con 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso de solicitudes conxuntas”.
Estes apoios para financiar o funcionamento dos CIM, de titularidade municipal, súmanse ás axudas que o Goberno autonómico publicou por primeira vez este ano destinadas tamén ás entidades locais, para a mellora e rehabilitación do equipamento destes centros. Trátase de poñer en valor os CIM como recurso esencial na atención integral e de proximidade ás mulleres, nomeadamente, ás vítimas da violencia de xénero.
Loita contra a violencia de xénero
Por último, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ofrece achegas para a posta en marcha de accións, por parte dos concellos, para a promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero. Neste caso, as entidades locais poden recibir como máximo 15.000 euros no caso dunha solicitude individual e de 28.000 euros se é compartida entre varios municipios.