A Xunta apoiou no 2025 máis de 110 negocios lucenses coas axudas a prol da competitividade do sector comercial e artesanal xa abertas este ano
A Xunta apoiou no 2025 máis de 110 negocios lucenses coas axudas a prol da competitividade do sector comercial e artesanal xa abertas este ano
O conselleiro sinalou que a convocatoria de 2026 está dotada de 4M€ para promover a dixitalización, innovación e sustentabilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos e especificou que a elas tamén poden optar os praceiros.
Destacou novidades como a ampliación do período subvencionable, sendo desde o 25 de outubro de 2025, e melloras a prol da simplificación administrativa.
En canto á potenciación das prazas de abastos, subliñou que este ano se lanzará unha nova convocatoria das achegas para este fin e que con elas se apoia a elaboración do proxecto para a rehabilitación e modernización do mercado municipal de Viveiro.
Subliñou que o Goberno galego tamén vén de actualizar e simplificar a tramitación para a obtención e renovación do selo Mercado Excelente.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá en Viveiro, xunto coa alcaldesa, Mariña Gueimunde, e o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, o mercado municipal e o establecemento tradicional de ultramarinos e vinoteca Casa Chao, onde puxo de relevo os apoios da Xunta a estes establecementos comerciais e que se enmarcan no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Entre eles, a nova orde de axudas para o comercio de preto de 4 M€ — que abriu onte o prazo de solicitudes— e as achegas para potenciar as prazas de abastos, das que proximamente se lanzará unha nova edición.
En relación cos apoios a prol da competitividade do sector comercial e artesanal, especificou que a eles tamén poden optar as praceiras e praceiros. En concreto, a orde abarca tres liñas compatibles entre si, que son dixitalización e innovación comercial, modernización e sustentabilidade ambiental e con elas apóiase ao sector na adaptación ás tendencias de consumo coa introdución de tecnoloxías, acondicionamento dos locais comerciais, na mellora dos equipamentos, así como no compromiso ambiental.
Neste sentido, sinalou que o ano pasado na provincia de Lugo obtiveron este tipo de axudas 102 comercios e 10 obradoiros artesáns por un valor de 676.600 euros e que mobilizaron un investimento de preto de 846.000 euros.
Ademais, José González destacou algunhas novidades que incorpora esta convocatoria como a ampliación do período subvencionable, sendo desde o 25 de outubro de 2025. Tamén promove a simplicación administrativa e axilizarase o procedemento de concesión e pagamentos anticipados. Neste sentido, animou aos comerciantes a acollerse a estes apoios que favorecen a competitividade do sector.
Con eles, subliñou, buscamos impulsar a innovación mantendo ao mesmo tempo a tradición, unha esencia pola que se caracterizan negocios familiares como Casa Chao, que tamén poden optar a estas axudas. Ademais, no caso concreto deste negocio de Viveiro, destacou a súa gran traxectoria, con máis de 90 anos de actividade ininterrompida e sinalou que pertence a Viveiro Centro Comercial Histórico, entidade recoñecida nos Premios Comercio Galego 2025 na categoría de dinamización comercial. Tamén, recoñeceu, tanto deste establecemento como da praza de abastos de Viveiro, a súa capacidade de adaptación ás transformacións do comercio mantendo a súa identidade. A estas visitas sumáronse outras realizadas tamén hoxe aos establecementos Albo e La Vivariense.
Pulo ás prazas de abastos
No caso concreto da praza de abastos de Viveiro — construída en 1925— , explicou que o Concello está a traballar da man dos comerciantes na elaboración do proxecto para a súa rehabilitación e modernización co fin de mellorar a súa accesibilidade e de dotalo de novos servizos e equipamentos complementarios. Neste sentido, explicou que este espazo obtivo unha axuda autonómica no 2025 de preto de 48.000 euros para esta actuación, para desenvolver accións de mentoring e formación dirixidas ás praceiras e praceiros e para avanzar na transformación integral deste espazo.
Con este tipo de apoios, destacou o conselleiro, o Goberno galego busca dinamizar os mercados e prazas de abastos e impulsar a súa certificación como Mercado Excelente, coa que na actualidade contan os mercados de Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo. Neste sentido, destacou que este ano se reeditará unha nova convocatoria destas achegas. Ademais, o Goberno galego publicou esta semana a orde que actualiza e simplifica a tramitación para a obtención e renovación do selo Mercado Excelente co obxectivo de chegar aos 25 espazos con esta distinción en 2030.



