A Xunta aposta pola profesionalización e o fomento do benestar laboral nas entidades da economía social
A Xunta aposta pola profesionalización e o fomento do benestar laboral nas entidades da economía social
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou na xornada de difusión do proxecto Tool Lab que promove a transformación da xestión das entidades que traballan coa discapacidade.
- Destacou o compromiso da Xunta co traballo destas entidades porque aportan emprego, autonomía e dignidade a colectivos con difícil inserción laboral.
- A Xunta está a desenvolver unha nova Estratexia da Economía Social e unha Lei de cooperativas que serán froito do diálogo co tecido asociativo deste modelo.
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou no peche da xornada de difusión dos resultados do proxecto Rede Tool Lab, dirixido a entidades da economía social sen ánimo de lucro que prestan servizo ás persoas con discapacidade, co obxecto de transformar o seu modelo organizativo e de xestión.
O representante autonómico puxo en valor o carácter colaborativo da iniciativa na que tomaron parte entidades galegas e doutras tres comunidades: Canarias, Baleares e País Vasco. No caso da comunidade galega, participan no proxecto os centros de atención especializada á discapacidade intelectual San Xerome Emiliani, Adislan, Amipa, Aproscom e Aspavere EVD-Galicia de Mos e Crecente. Súmanse aos mesmos dous provedores de servizos de consultoría para entidades da economía social (Algalia e a Fundación EDE) e a asociación empresarial galega da discapacidade IN-RED.
A Rede TooL Lab está financiada con fondos NextGenerationEU do PERTE da Economía Social. Naceu como un laboratorio de estudo, análise, exploración e experimentación conxunta de cinco metodoloxías e ferramentas innovadoras aplicables á xestión destas organizacións: o paradigma TEAL, a metodoloxía AGILE, a TEORÍA U, a Sociocracia e Holocracia e a Comunicación Non Violenta. Fernández felicitou aos participantes polo traballo realizado a través da Rede “co propósito de realizar estudos, análises e experimentación tanto con metodoloxías como con ferramentas innovadoras”.
“Desde a Xunta de Galicia compartimos a crenza dunha mellora continua das estruturas que conforman as entidades de economía social”, afirmou o secretario xeral, quen apuntou como algúns dos retos, a necesidade de profesionalizar o sector manténdose no seu ámbito máis social ou de crear un novo paradigma organizativo que permita proporcionar autonomía aos equipos e benestar ás persoas traballadoras.
As entidades que prestan servizos a persoas con discapacidade contan cunha importante vertente social. “Colocando ás persoas no centro e estimulando a iniciativa persoal lógrase non só un avance persoal, senón de toda a organización como colectivo, producíndose a transformación organizativa”, indicou Fernández.
Proxectos como a Rede Tool Lab evidencian a necesidade de evolución no seo das entidades da economía social que traballan coa discapacidade para acadar unha maior eficiencia na importante misión que desenvolven. Compartir coñecementos e experiencias e implicar a todos os sectores, incluída a Administración Pública é fundamental para acadar os resultados esperados, rematou o secretario xeral.
A economía social constitúe unha prioridade para o Goberno galego, non só porque represente o 7 % do PIB de Galicia, senón porque aporta emprego, autonomía e dignidade a colectivos de máis difícil inserción laboral.
A Xunta está a traballar nunha nova Estratexia de Economía Social (2023-2027) para seguir reforzando un modelo de traballo que crea e reparte riqueza con xustiza. Tamén está a avanzar na Lei de cooperativas, que adaptará a normativa ao século XXI e que pasa polo reforzo da cooperación coas entidades que forman parte do Consello Galego de Cooperativas, ente prioritario no diálogo social.