A Xunta aposta polo mantemento de negocios e o emprendemento cunha nova convocatoria do Bono Remuda integrada na orde unificada para autónomos

A Xunta aposta polo mantemento de negocios e o emprendemento cunha nova convocatoria do Bono Remuda integrada na orde unificada para autónomos

  • A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe a empresa Toelo Enerxía S.L., que recibiu unha achega de 30.000 euros no marco deste programa no 2025.

     
  • A pasada convocatoria deixou máis de 115.000 euros de axudas no ámbito da delegación territorial.

  • O prazo de solicitude da nova convocatoria está aberto ata o próximo 30 de setembro.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe a empresa Toelo Enerxía S.L., beneficiaria dunha das axudas do Bono Remuda das persoas traballadoras autónomas, que deixou na pasada convocatoria máis de 115.000 euros de achegas no ámbito da delegación.

O Programa Bono Remuda, integrado na convocatoria unificada para persoas traballadoras autónomas dotada con preto de 41 M€, ten a finalidade de evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo que facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller o testemuño dun negocio xa viable economicamente. Conta con dúas liñas de actuación: a Liña 1, o Bono Remuda Rural, para concellos de menos de 10.000 habitantes; e a Liña 2, o Bono Remuda Xeral, para concellos de 10.000 habitantes ou máis. Nos dous casos subvenciónase o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda dun negocio ou actividade que estivese previamente inscrito na bolsa de remuda da Rede de Polos de Emprendemento. Para a Liña 1, esta achega é do 75% do prezo do contrato, mentres que para a 2 é do 70%.

Durante a visita a este establecemento, que recibiu no 2025 unha axuda de 30.000 euros  no marco deste programa, Aneiros sinalou que a convocatoria actual, dirixida a persoas traballadoras autónomas, profesionais dados de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia, así como ás persoas mutualistas e ás sociedades de calquera clase, mantén aberto o prazo de solicitudes ata o 30 de setembro. Este ano, o Bono Remuda conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros. A delegada remarcou tamén a “importancia da remuda xeracional para o comercio local”, destacando estas axudas como “un impulso axeitado para todos os que queiran emprender”.