A Xunta aposta polo talento das persoas con discapacidade para crear en Galicia espazos laborais diversos e inclusivos
A Xunta aposta polo talento das persoas con discapacidade para crear en Galicia espazos laborais diversos e inclusivos
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou hoxe na apertura dun encontro empresarial organizado por Inserta Emprego da Fundación Once.
A Xunta de Galicia ten en marcha o Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social que con 44 millóns de euros de orzamento busca fomentar a contratación de formación de 6.000 persoas para acadar unha Galicia con contornas de traballo inclusivas.
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou hoxe na apertura dun encontro empresarial para dar a coñecer as vantaxes de contratar a persoas con discapacidade, no marco do programa Talentos, que leva a cabo a entidade Inserta Emprego da Fundación Once. Trátase dunha iniciativa que busca dar visibilidade ao talento das persoas con discapacidade para fomentar a súa contratación, para o que se están a desenvolver diferentes encontros con pemes galegas.
O secretario xeral de Apoio ao Emprego sinalou a importancia de traballar pola diversidade e neste senso lembrou que o Goberno galego reeditou este ano o Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social integrado por oito liñas de actuación ao que está a destinar 44 millóns de euros para fomentar a contratación e a formación de 6.000 persoas. No marco deste plan, nas vindeiras semanas publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), cun investimento de seis millóns de euros, as bases para participar na segunda edición do programa de formación dual en centros especiais de emprego.
Estímase que poidan beneficiarse 10 centros especiais de emprego e que se creen 100 contratos de traballo de formación en alternancia destinados a traballadores con discapacidade intelectual que están inscritos como demandantes de emprego e carecen de cualificación profesional. A segunda edición duplica o orzamento e amplía o número de destinatarios, de 60 a 100, con respecto ao proxecto piloto cuxa parte final estase agora a desenvolver.
“Pretendemos construír unha Galicia que non deixe a ninguén atrás, creando contornas laborais máis inclusivas”, apuntou. Do que se trata é, en palabras de Pablo Fernández, de lograr “entre todos” que as empresas contemplen a contratación de persoas con discapacidade “de xeito normalizado”.