A Xunta arranca en Ferrol o apoio a 12 feiras para difundir o traballo de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia
A Xunta arranca en Ferrol o apoio a 12 feiras para difundir o traballo de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia
Hoxe remata en Ferrol a primeira Feira Galega de Artesáns, unha serie de encontros organizados a través da Asociación Galega de Artesáns (AGA) coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia.
Participan 16 obradoiros de Artesanía de Galicia especializados na xoiería, na madeira, no coiro, na bixutería, na cerámica, na sombreirería, na cestería e no téxtil.
Deica setembro terán lugar eventos tamén en localidades como Padrón, San Sadurniño, Ribadavia ou Ponteareas.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración continúa coa súa aposta pola comercialización do produto artesán galego e pola posta en valor da marca Artesanía de Galicia, desta vez a través dunha colaboración coa Asociación Galega de Artesáns (AGA) para a programación de distintas feiras de artesanía, como a que remata hoxe en Ferrol. Entre os meses de abril e setembro celebraranse nas catro provincias galegas un total de 12 encontros protagonizados exclusivamente por profesionais inscritos en Artesanía de Galicia. Baixo a denominación de Feira Galega de Artesáns, o obxectivo destes eventos é achegar o produto artesán galego á sociedade, consolidar a marca Artesanía de Galicia, a dinamización cultural, económica e turística de cada zona e ofrecerlles aos artesáns un espazo de venda directa de calidade en diferentes zonas de Galicia.
Canto ao primeiro destes eventos, arrancou o pasado mércores 1 de abril e remata hoxe na Praza da Constitución de Ferrol, en horario de 11,00 a 21,00 horas. Neste encontro participan o obradoiro de cestería O carabel ecocestos (Ferrol), o de sombreirería Hana no Boshi (Pontedeume), o de tecido De filo Artesanía (Cedeira), os de marroquinería Chueco (A Coruña) e Art Design Galley (Lugo), obradoiros de bixutería Moira (Valdoviño) e Mónica Fuentes (Ames), o de madeira Néboa na ría (Sada), os de xoiería Zimzelatum (Gondomar), Ana Aguín (Sanxenxo) e Amorei (Soutomaior), o obradoiro Casperlota (Paderne) especializado en xoguetes e tinguido ecoprint, Adanegra (A Guarda) de elaboración de roupa, e os obradoiros de cerámica Ceniza de papel e La Bellota mágica, procedentes de Lugo.
Despois da feira de Ferrol, terán lugar encontros noutras localidades galegas como Padrón —os días 11 e 12 de abril, durante as festas da Pascuilla—, San Sadurniño —o 26 de abril, coincidindo coa súa Feira da Plantación—, Ribadavia —do 1 ao 3 de maio— e Ponteareas —o 5 e 6 de setembro, durante a Feira dos Remedios—.