A Xunta arranca hoxe a ampliación dos Bonos Activa Comercio coa previsión de mobilizar máis de 11 M€ en vendas nos negocios de proximidade
A Xunta arranca hoxe a ampliación dos Bonos Activa Comercio coa previsión de mobilizar máis de 11 M€ en vendas nos negocios de proximidade
Esta sexta edición da iniciativa volve con 2,5 M€, tralo éxito acadado e esgotarse en pouco máis de dous días os 2,5 M€ destinados inicialmente.
- Con esta ampliación e, tendo en conta as edicións convocadas desde o 2021, o Goberno galego prevé mobilizar un total de preto de 100 M€ en vendas.
Os establecementos non adheridos á campaña previamente poden sumarse aos xa vencellados, as persoas que xa descargaran os seus bonos e non os gastasen poden empregalos e as que non o teñan dispoñen dunha nova oportunidade para obtelo.
O conselleiro subliñou que esta acción é unha mostra do compromiso do Executivo autonómico co sector, que se reflectirá no Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030.
Outros exemplos de accións de apoio ao sector son os Premios do Comercio Galego e o proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas, que impulsará no 2025.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá en Santiago o comercio téxtil Sarto, un dos adheridos á sexta edición dos Bonos Activa Comercio, que se acaba de ampliar con 2,5 M€ e reactivada hoxe ás 9,00 horas, tralo éxito acadado e esgotarse en pouco máis de dous días os 2,5 M€ destinados inicialmente.
Neste tempo, os Bonos Activa Comercio mobilizaron máis de 11 M€ en vendas, con máis de 255.000 bonos descargados e con esta ampliación lévanse adheridos arredor de 7.100 establecementos aos que se poden sumar máis. Ademais, hoxe, en apenas media hora desde a súa reactivación, a iniciativa levaba máis de 7.000 novos bonos descargados, o que supón uns 262.000 bonos, cifras que se irán incrementando ao longo da xornada. Con esta reactivación e tendo en conta as edicións convocadas desde o 2021, o Goberno galego prevé mobilizar preto de 100 M€ en vendas, tras investir en total preto de 19 M€.
En relación coas persoas consumidoras, as que descargasen o bono e non o consumisen enteiro poden facelo e as que aínda non o teñan dispoñen dunha nova oportunidade para obtelo na web www.bonosactivacomercio.gal a partir de hoxe para poder beneficiarse dos descontos de ata 30 euros nas compras que realicen nos comercios adheridos. No caso daqueles usuarios que descargaron o bono desta sexta edición e o eliminaron sen chegar a gastalo, poderán volver a descargalo desde xa para usalo.
Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Tal e como establecen as normas da convocatoria, cada persoa pode descargar un único bono, polo que se un usuario xa fixo uso do seu bono en novembro, non pode volver descargar outro agora. Cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 M€ desta ampliación adicional, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.
Apoio e compromiso co sector
O conselleiro de Emprego subliñou que esta ampliación é unha mostra do compromiso da Xunta co comercio polo miúdo, actividade vital na xeración de riqueza e emprego, na fixación de poboación e na vertebración das vilas e cidades galegas, xa que este sector xera na Comunidade 107.000 postos de traballo. Neste sentido, sinalou que, tal e como avala a experiencia, esta acción contribúe con éxito a fidelizar a clientela e asegurar o mantemento e futuro dos establecementos en beneficio da cidadanía, ademais, nun momento clave, como as datas próximas ao Nadal.
Por iso, engadiu, no 2025 o Goberno galego seguirá dando pulo aos Bonos Activa Comercio, cunha consignación de 5M€ nos orzamentos e continuará avanzando no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 da man de todos os axentes implicados, coa previsión de telo listo no primeiro trimestre do ano que vén. O obxectivo é poñer á disposición do sector as ferramentas necesarias para afrontar os retos que teñen por diante, así como medidas para garantir a remuda xeracional.
Outros exemplos recentes do compromiso da Administración autonómica co comercio de proximidade son os Premios do Comercio Galego, os Premios de Artesanía de Galicia e a iniciativa de dinamización comercial Artesanía, saber e sabor, celebrada en Ribadavia. Esta acción é o punto de partida do proxecto Vilas Vivas, que se impulsará o próximo ano co fin de reforzar a dinamización do tecido comercial de vilas e cabeceiras de comarcas galegas apostando por espazos efémeros ligados ao territorio.