A Xunta avanza coa Confederación Empresarial de Ourense no reforzo do tecido produtivo da provincia garantindo a remuda e a captación de talento
A Xunta avanza coa Confederación Empresarial de Ourense no reforzo do tecido produtivo da provincia garantindo a remuda e a captación de talento
En compañía do director xeral de Comercio e Consumo, José González tratou cos empresarios ourensáns cuestións como o programa Retorna Cualifica Emprego, o Bono Remuda ou as microformacións adaptadas ás necesidades das empresas.
Así, falouse de atraer á provincia de Ourense os emigrantes ou os seus descendentes, de impulsar a remuda xeracional á fronte dos negocios e de organizar formación para o emprego ad hoc como a aprobada no último Consello da Xunta.
En concreto, cun orzamento de 4 M€, deuse o visto bo a unha convocatoria pioneira destinada especificamente ao financiamento de accións formativas a demanda do tecido produtivo galego e dirixidas a persoas traballadoras ocupadas.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantivo un encontro co equipo de goberno da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) -encabezado pola súa presidenta, Marisol Nóvoa- para avanzar no reforzo do tecido produtivo da provincia. Así, abordaron cuestións como o interese en atraer de volta aos galegos residentes no exterior ou aos seus descendentes, a prioritaria remuda xeracional á fronte dos negocios e as microformacións para o emprego adaptadas ás necesidades das empresas.
Con respecto á captación de talento entre os galegos no exterior, na reunión falouse das vantaxes do programa Retorna Cualifica Emprego, ao que se lle está a dar un pulo da man -precisamente- das empresas para ofrecer traballos de calidade en orixe que promovan o retorno ao tempo que dan resposta á necesidade de persoal cualificado en certos sectores. Así, recalcouse que o programa proporciona formación para o emprego ás persoas retornadas, ademais de axudas para viaxar e establecerse en Galicia.
Nesa liña, sinalouse que boa parte dos novos empresarios da Comunidade tamén veñen de fóra, constatándose que arredor do 20% das persoas atendidas na Rede de polos de emprendemento son retornadas ou estranxeiras, atraídas polas condicións de vida en Galicia.
O conselleiro e o director xeral tamén abordaron coa CEO o Plan Remuda habilitado no seo dos Polos de emprendemento e apoio ao emprego, para garantir a continuidade dos negocios especialmente no rural, e que se está a apoiar cunha orde de axudas (o Bono Remuda) que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros para que as persoas interesadas en facerse cargo de empresas viables que vaian pechar poidan sufragar parte dos gastos que van afrontar. Engadiron que o prazo de solicitude desta convocatoria está aberto deica o 30 de outubro.
Microformacións
Na xuntanza tratouse tamén a necesidade de seguir fomentando o deseño de microformacións adaptadas ás necesidades das empresas, para dar resposta aos perfís profesionais que precisan. Nesa liña, cómpre mencionar a convocatoria pioneira aprobada no último Consello da Xunta que, cun orzamento de 4 millóns de euros, financiará accións formativas a demanda do tecido produtivo galego e dirixidas a persoas traballadoras ocupadas.
Deste xeito, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración dálle con esta orde un novo pulo á súa aposta polas experiencias curtas de aprendizaxe, xa que ademais de incentivar a obtención de certificados profesionais (grao C), contempla tamén de xeito decisivo as formacións de curta duración (grao B, certificados de competencia) e as microformacións (grao A, acreditación parcial de competencia) co obxectivo de garantir -sen rixidez e de xeito áxil e inmediato- a adquisición de novos coñecementos requiridos hoxe polas empresas galegas. Isto permitirá reforzar a capacitación dos traballadores, fomentando o seu crecemento profesional, e cubrir os perfís relacionados coas competencias e habilidades máis demandadas polo tecido empresarial.
A maiores, lembrouse que a convocatoria deste ano cun importe de 8 millóns de euros para que as empresas galegas poidan cualificar máis de 3.000 persoas desempregadas con unidades formativas continúa aberta, con prazo de solicitude vixente ata o próximo 30 de setembro. É unha iniciativa coa que se axuda ás empresas a impartir a súa propia cualificación sempre que se comprometan a contratar a polo menos un 40% do alumnado que participe na acción formativa.
Así mesmo, ata o 16 de setembro poden solicitarse os Bonos Talento Empresa cun importe de 2 millóns de euros, co obxectivo de ofrecer formacións non regradas de curta duración, adaptadas ás necesidades específicas do tecido empresarial, para reforzar as competencias e habilidades dos traballadores.