A Xunta avanza con Foroesgal no fomento da economía social e na nova Lei de cooperativas co gallo de darlle un pulo á constitución destas entidades

A Xunta avanza con Foroesgal no fomento da economía social e na nova Lei de cooperativas co gallo de darlle un pulo á constitución destas entidades

  • Neste novo encontro no marco do proceso de diálogo e de escoita activa aberto, tamén se abordaron cuestións como a contratación reservada, na que Galicia é referente traballando para que o sistema se implante tamén no eido privado.

     
  • Hoxe mesmo, o DOG publica as axudas concedidas este ano para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción, cun orzamento de 330.000 €.

     

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, reuniuse hoxe con representantes das cinco entidades que conforman o Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal). Sobre a mesa, avanzar no fomento da economía social a través de ferramentas como a nova Lei de cooperativas na que se está traballando co obxecto de darlle un pulo á constitución destas entidades.

No encontro quedou patente a necesidade de seguir promovendo a economía social aos distintos niveis económicos e sociais e de visibilizala como motor de crecemento sustentable, que crea emprego de calidade, inclusivo, integrador e vencellado co territorio. Nese senso, está en marcha a 2ª Estratexia galega da economía social Horizonte 2027, coa que a Xunta persegue posicionar esta fórmula empresarial nos sectores verde, sustentable, industrial, tecnolóxico e dixital, ao tempo que contén medidas para xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades.

Sobre a nova Lei de cooperativas de Galicia, na que o Goberno autonómico está a implicar a todos os axentes de interese, fíxose fincapé en que debe avanzar na desburocratización para axilizar a creación de entidades, ao tempo que se garantirá a consolidación das cooperativas existentes ao abeiro da economía social.

Sobre a mesa tamén estivo a contratación reservada, na que Galicia é referente nos seus procesos de licitación co gallo de que participen de xeito exclusivo empresas de inserción ou centros especiais de emprego de iniciativa social. Os representantes autonómicos avogaron por que o sistema se implante en empresas ou entidades específicas, para brindar maiores oportunidades de emprego de calidade ás persoas en situación ou risco de exclusión social ou que presentan máis dificultades para o acceso ao mercado laboral.

Cómpre engadir que no encontro participaron a presidenta da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Carmen Rodríguez; a presidenta da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga), Isabel Fraga; o presidenta da Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal), Eduardo Salido; o presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal), Herminio Martínez, e a presidenta da Unión de Cooperativas Galegas (Espazocoop), Ana Olveira.

Axudas ás entidades representativas da economía social

Precisamente hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución que dá conta das sete organizacións representativas das entidades que forman parte da economía social galega que serán apoiadas pola Xunta no marco da orde deste ano orientada a sufragar os seus gastos de funcionamento. Trátase de achegas para organizacións que representan cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego (CEE) e empresas de inserción, cun orzamento global de 330.000 euros.

Así, no marco do primeiro programa para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, resultou beneficiaria a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia – Aesgal, a Unión de Cooperativas Espazocoop, Ucogatra Unión de Cooperativas e Unión de Cooperativas Asociación Galega de Cooperativas Agrarias – Agaca. No caso do segundo programa da convocatoria, para o fomento e consolidación das asociacións de centros especiais de emprego e de empresas de inserción, recibiron axuda a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro – Cegasal, a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia – Aeiga e a Asociación para la Promoción de Actividades de Integración Sociolaboral en Centros Especiales de Empleo – Aspais.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240916/AnuncioG0767-090924-0001_gl.html