A Xunta avanza en colaboración con APE Galicia no proxecto piloto para adaptar o comercio local ás tendencias de consumo co apoio da dixitalización
A Xunta avanza en colaboración con APE Galicia no proxecto piloto para adaptar o comercio local ás tendencias de consumo co apoio da dixitalización
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu esta semana á formación realizada no Barco de Valdeorras no marco do programa Adapta local.
Gabriel Alén salientou a importancia de iniciativas como esta para incentivar o consumo nos negocios locais de Galicia de xeito sustentable e competitivo, así como impulsar a comercialización do produto galego.
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu esta semana á formación realizada no Barco de Valdeorras no marco do programa Adapta local, un proxecto piloto que busca adaptar o comercio de proximidade aos cambios de hábitos dos consumidores apostando pola dixitalización e que está promovido pola Xunta de Galicia e pola asociación de autónomos APE Galicia.
Alí, Gabriel Alén salientou a importancia de iniciativas como esta para incentivar o consumo nos negocios locais de Galicia de xeito sustentable e competitivo, así como impulsar a comercialización do produto galego. Unha cuestión, sinalou, que é clave para a dinamización do sector.
Con ese fin esta acción está a combinar formación presencial e telemática destinada a propostas do comercio local e rural galego co foco posto nas iniciativas innovadoras que potencien a comercialización do produto galego.
Entre os contidos que se abordan nas formacións deste programa están os relacionados coa transformación dixital, como a venda online e a xestión das redes sociais. Tamén cuestións que teñen que ver coa atención ao cliente, as tendencias de comercio, as finanzas e xestión de inventarios, a economía circular e o compromiso social.
Este proxecto piloto estase a desenvolver en oito comarcas galegas. Xa se teñen realizado as formacións en Chantada e O Barco de Valdeorras, mentres, no que queda de setembro, desenvolveranse as previstas en Ribadeo (día 23), Verín (24) e Sarria (26). Pola súa banda, terán lugar en outubro as accións de Ferrol (día 2), Tui (17) e O Carballiño (30).