A Xunta avanza no reto da cobertura de vacantes apostando pola formación flexible e garantindo o acceso laboral dos colectivos prioritarios
A Xunta avanza no reto da cobertura de vacantes apostando pola formación flexible e garantindo o acceso laboral dos colectivos prioritarios
José González destacou o papel referente desta compañía e salientou a importancia de que a Administración e as empresas aborden solucións conxuntas a prol da atracción de talento e a mellora da empregabilidade.
Puxo en valor que os incentivos á contratación se seguirán reforzando en 2025 para facilitar o acceso ao mercado laboral aos colectivos con maior dificultade, con partidas específicas para mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.
Remarcou a aposta por seguir flexibilizando ao máximo a formación para o emprego a través de medidas como os Bonos Talento Empresa, que na vindeira convocatoria tamén poderán solicitar grandes empresas.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou esta mañá en Santiago a sede da empresa especializada en construción e xestión da auga Espina y Delfín, beneficiaria do programa de incentivos á contratación por conta allea e á formación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
O conselleiro de Emprego destacou o papel referente da compañía -cun equipo humano que rolda as 400 persoas- e salientou a importancia de que a Administración pública e o tecido empresarial avancen da man para abordar solucións conxuntas a prol da cobertura das vacantes laborais, a atracción de talento ou a mellora da empregabilidade.
Neste senso, puxo en valor que os incentivos á contratación impulsados pola Xunta no marco das súas políticas activas de emprego se continuarán reforzando nos orzamentos de 2025 co obxectivo de seguir garantido o acceso ao mercado laboral de perfís prioritarios, con partidas específicas destinadas á contratación por parte de empresas de mulleres -incidindo nos sectores infrarrepresentados-, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
Formación flexible e en liña co mercado laboral
José González tamén puxo de relevo a importancia de seguir flexibilizando ao máximo a formación para o emprego -unha demanda que a Xunta leva reclamando ao Goberno central nas últimas conferencias sectoriais e nunha recente carta remitida á ministra de Traballo- cunha dobre vía: por unha banda, incrementar as oportunidades profesionais dos galegos e galegas; e, pola outra, dar resposta de xeito áxil ás competencias e habilidades que precisan os principais sectores produtivos.
Neste marco, destacou que o vindeiro ano a Xunta continuará dándolle pulo a medidas que están demostrando a súa eficacia como os Bonos Talento Empresa, co obxectivo de ofrecer microformacións non regradas e adaptadas ás necesidades concretas de cada compañía e que, como principal novidade, poderán tamén solicitar as grandes empresas.
Esta formación aliñada co mercado laboral -coa finalidade de seguir xerando oportunidades e afrontando o desafío das vacantes- é tamén o obxectivo doutras convocatorias como as unidades formativas en empresas. Trátase dunha orde que permite ás compañías impartir a súa propia cualificación sempre que se comprometan a contratar a polo menos un 40% do alumnado que participe na acción formativa para dar resposta ás súas vacantes.
O conselleiro mencionou asemade que ata o 31 de outubro sigue aberto o prazo de solicitudes dunha convocatoria pioneira destinada ao financiamento de accións formativas a demanda do tecido produtivo e dirixidas a persoas traballadoras ocupadas, na que as microformacións -ou experiencias de curta duración- teñen un peso fundamental para que as empresas poidan fragmentar, case de xeito cirúrxico, aquelas competencias que precisan.