A Xunta bota man da realidade virtual para impulsar o traballo en equipo no marco do Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño
A Xunta bota man da realidade virtual para impulsar o traballo en equipo no marco do Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño
A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe no evento ‘NeoSkills: realidade virtual para o desenvolvemento das competencias’ organizado desde o Polo porriñés.
Destacou que o centro do Porriño leva atendido xa arredor de 140 proxectos, o 61 % deles promovidos por mulleres.
Lembrou que onte se abriu o prazo de solicitude das axudas ao emprendemento con achegas de ata 30.900 euros para dar cobertura a investimentos en equipamento informático, mobiliario ou eficiencia enerxética.
A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe no evento NeoSkills: realidade virtual para o desenvolvemento das competencias organizado desde o Polo de emprendemento do Porriño. Alí, destacou os arredor de 140 proxectos atendidos por este centro, o 61 % deles impulsados por mulleres, e lembrou que onte se abriu o prazo de solicitude das axudas ao emprendemento.
A actividade de hoxe está orientada a que as persoas beneficiarias da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego adestren as súas habilidades a través dunha formación experiencial mediante realidade virtual. Así, trátase de construír un equipo, de repartir ferramentas e de acadar uns obxectivos convidando á reflexión, á capacidade de adaptación e á planificación en grupo.
O encontro tamén serve para dar a coñecer a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que presta asesoramento individualizado en calquera fase en que se atope os proxectos empresariais, de principio a fin. O obxectivo é facer dos Polos verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sobre todo no rural, converténdoos en auténticos foros de interlocución que permitan recoller as demandas da poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado.
A Rede leva atendido máis de 1.300 proxectos en toda Galicia, dos que máis de 300 se asesoraron na provincia pontevedresa (no centro do Porriño e no de Silleda). Entre as arredor de 140 iniciativas que chegaron ao Polo de emprendemento do Porriño, predominan as relacionadas cos servizos profesionais, seguidas das de educación e das de hostalaría.
Axudas ao emprendemento
A directora xeral lembrou que -entre outros apoios- onte mesmo se abriu o prazo para que persoas traballadoras autónomas, mutualistas, pemes e entidades de economía social poidan solicitar as axudas ao emprendemento dotadas cun orzamento de 6,5 millóns de euros. Con elas, o Goberno galego busca impulsar as iniciativas, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e á mellora da súa competitividade, indicou.
As achegas van dos 3.000 € aos 30.900 € (en función da magnitude do investimento realizado) para dar cobertura, entre outros, a gastos vencellados co proxecto empresarial en materia de equipamento informático, eficiencia enerxética, equipamento e mobiliario, ou na reforma das instalacións.