A Xunta busca reforzar e impulsar os programas de acceso ao emprego dos galegos retornados

A Xunta busca reforzar e impulsar os programas de acceso ao emprego dos galegos retornados

  • A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral de Emigración analizaron nunha reunión os programas desenvolvidos no ano 2023, tanto de apoio ao emprendemento como de acompañamento na busca de emprego por conta allea.

  • Outro dos puntos focais da reunión foi o programa ‘Retorna Cualifica Emprego’, que terá a súa continuidade no ano 2024.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral da Emigración mantiveron unha reunión co fin de reforzar e dar un novo impulso aos programas de emprego destinados a apoiar aos galegos retornados.

O encontro tivo como obxectivo principal analizar e avaliar os programas actuais incluídos na ‘Estratexia Galicia Retorna’, unha iniciativa clave para fomentar o retorno e a integración laboral dos galegos que residen no estranxeiro. Entre os temas tratados, destacou a revisión dos mecanismos de apoio para emprendedores retornados e tamén na orientación á contratación por conta allea.

Nesta materia, desenvolven un papel clave as Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno que contan cun servizo específico de orientación laboral exclusivamente destinado para os galegos retornados e que traballa coordinadamente cos equipos da consellería de emprego.

Un dos puntos focais da reunión foi o programa ‘Retorna Cualifica Emprego’, que busca proporcionar un posto de traballo indefinido aos galegos que retornan. Este programa, que tan bos resultados produciu ao longo de 2023, vai ter a súa continuidade en 2024 ante a demanda tan importante que está a ter.

Os representantes das dúas entidades expresaron o seu compromiso conxunto para continuar traballando de maneira colaborativa, asegurando que os galegos retornados teñan todas as ferramentas e oportunidades necesarias para integrarse con éxito no mercado laboral galego.

Con esta reunión dase un paso máis cara a unha maior integración e apoio aos galegos que desexan retornar á súa terra natal, reafirmando o compromiso de Galicia coa súa diáspora e valorando o aporte que estes fan ao desenvolvemento económico e social da nosa Comunidade Autónoma.