A Xunta celebra a Semana do emprendemento cunha programación na rede de polos para dar a coñecer o labor de asesoramento personalizado destas oficinas
A Xunta celebra a Semana do emprendemento cunha programación na rede de polos para dar a coñecer o labor de asesoramento personalizado destas oficinas
As actividades levaranse a cabo en cinco dos oito polos que están na actualidade operativos: Lugo Sur, Arco Ártabro e Rías Altas, Costa da Morte, Pontevedra Norte e Rías Baixas e Ourense Centro e Sur
A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia está a celebrar con diversas actividades a Semana do Emprendemento que ten lugar entre os días 11 e 17 deste mes. O obxectivo desta programación é dar a coñecer o servizo de asesoramento permanente e personalizado que se está a prestar á cidadanía desde estas oficinas postas en marcha pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para apoiar ás persoas emprendedoras cos seus proxectos empresariais en todas as súas etapas, desde o inicio ata o fin.
As actuacións lévanse a cabo en cinco dos oito polos que están na actualidade operativos. Así no de Lugo Sur, no que se presta este servizo a nove concellos do sur da provincia, convocouse xa un concurso no que se premiará ao mellor relato sobre unha experiencia real de emprendemento que tivera lugar nas seguintes comarcas: Terra de Lemos, Chantada, Sarria e Quiroga. O prazo para enviar os traballos, que se poderán presentar en formato escrito ou audiovisual, remata o martes 11 e a entrega do premio terá lugar o xoves 13 na oficina do Polo en Monforte.
O martes tamén desenvolverase no Polo da Costa da Morte, que dá cobertura a 29 concellos, unha xuntanza con persoas emprendedoras que aínda non teñen contacto coa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego para que se coñezan e xeren sinerxías. A actividade comezará cunha charla sobre emprendemento e innovación deste o territorio.
No polo Arco Ártabro e Rías Altas, que presta desde Ferrol asesoramento a 40 concellos das comarcas da contorna (A Coruña, Ferrol, Eume, Betanzos e Ortegal), terá lugar o mércores 12 a xornada Business&Beers co obxectivo de establecer sinerxías entre os participantes no polo e dar a coñecer os seus proxectos. Durante o encontro, os asistentes a esta actividade porán en común as súas experiencias, métodos e boas prácticas nun formato networking.
Achegar ás persoas emprendedoras e ao público en xeral a realidade do emprendemento é o obxectivo da xornada que se celebrará o venres 14 de abril no marco da actividade “Os venres dos polos”. Nesta ocasión, o Polo Pontevedra Norte e Rías Baixas, que presta desde Silleda apoio ás persoas emprendedoras de 25 concellos da contorna, impulsa unha xornada co fundador de Ruteart co reto de promover o coñecemento dos emprendedores entre si.
A última das actividades programadas pola Xunta para celebrar a Semana do Emprendemento levarase a cabo o luns 17 de abril no Polo Ourense Centro e Sur baixo o título Speed dating, que busca lograr entre as persoas emprendedoras unha comunidade máis forte e que poidan comprobar a súa capacidade para poder presentar o seu proxecto de maneira práctica.
A idea da actuación é que os participantes poidan falar sobre eles e o seu proxecto nun minuto, a través dunha dinámica que se caracteriza polo discurso breve e intenso, eficaz e claro. Posteriormente, os participantes contarán cun espazo para intercambiar as súas impresións e poder crear unha comunidade de emprendemento na provincia. O Polo Ourense Centro emprázase en Verín para dinamizar o mercado de traballo procurando a interactuación entre os ámbitos rurais e urbanos.
Para participar nas actividades é necesario inscribirse no seguinte enlace: http://polosemprendemento.gal/calendar/semana-do-emprendemento-2023-9f533ecb-8604-4123-a710-1091266eba9e