A Xunta celebra no Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo un taller sobre os riscos psicosociais e a súa relación coas accións de conciliación
A Xunta celebra no Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo un taller sobre os riscos psicosociais e a súa relación coas accións de conciliación
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde na Coruña na presentación desta acción enmarcada no campus formativo de igualdade laboral impulsado polo Goberno galego.
Impartida por Sandra García Lombardía, Inspectora de Traballo e Seguridade Social, a xornada analiza como se pode mellorar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral a través da prevención dos riscos psicosociais con perspectiva de xénero.
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde na presentación do taller Os riscos psicosociais e a súa relación coas accións de conciliación, no marco do campus formativo de igualdade laboral impulsado pola Xunta e coincidindo co Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo que se conmemora hoxe. No Centro de Orientación ao Emprendemento con sede na Coruña, Fernández reafirmou o compromiso autonómico co benestar das persoas traballadoras sumándose ao lema da Organización Internacional do Traballo (OIT) deste ano Garantamos unha contorna psicosocial saudable no traballo. Nesa liña, destacou a Estratexia de Benestar Laboral na que está a traballar a Xunta e que se abordará no seo do Diálogo Social que se vén de institucionalizar.
Impartida pola inspectora de Traballo e Seguridade Social Sandra García Lombardía, a xornada desta tarde analiza como se pode mellorar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral a través da prevención dos riscos psicosociais con perspectiva de xénero. Así, contémplase a análise da relación existente entre a prevención dos riscos psicosociais e a conciliación, incidindo en aspectos como a prevención dos riscos psicosociais para a consecución da igualdade de xénero, a interacción da vida persoal e familiar e o traballo, e as ferramentas ou estratexias a ter en conta para mellorar a conciliación a través da prevención dos riscos psicosociais, incluído o papel das partes empresarial e social na definición destas medidas e a tutela administrativa na materia a través da Inspección de Traballo e Seguridade Social e as prestacións de Seguridade Social.
Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo
Con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, a Xunta sitúa o benestar das persoas traballadoras como unha prioridade estratéxica das políticas públicas, nunha declaración institucional na que reforza o seu compromiso coa prevención dos riscos psicosociais e coa promoción de ferramentas, formación e recursos que permitan ás empresas galegas avanzar cara a modelos de traballo máis saudables e sostibles.
Galicia conta con dous instrumentos de planificación que son froito do consenso coas organizacións sindicais e empresarial galegas. Por unha banda, a Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia: Horizonte 2027 e, por outra, o plan anual de actuación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) co que se executa a estratexia e con carácter anual se concretan os programas e actuacións que teñen como obxectivo principal a redución da sinistralidade laboral a través dunha adecuada xestión dos riscos nos lugares de traballo, atendendo tanto aos novos e emerxentes como aos tradicionais.

