A Xunta clausura o obradoiro de emprego ‘Fórum dual’ que formou 20 persoas desempregadas en Carballo en especialidades de cociña e atención a dependentes

A Xunta clausura o obradoiro de emprego ‘Fórum dual’ que formou 20 persoas desempregadas en Carballo en especialidades de cociña e atención a dependentes

  • A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou no peche desta acción, apoiada pola Xunta con medio millón de euros.

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura do obradoiro de emprego Fórum Dual, apoiado pola Xunta de Galicia e desenvolvido polo Concello de Carballo. A actividade que agora remata permitiu a formación de 20 desempregados en especialidades con demanda nesta área, relacionadas coa cociña e coa atención sociosanitaria a persoas dependentes.

Grazas a un investimento de case 504.000 euros a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade permitiu a formación dos alumnos-traballadores. Estas accións brindan oportunidades aos seus beneficiarios ao abrirlles unha porta ao mundo laboral e contribuír, por outra banda, a mellorar os servizos que se ofrecen nas contornas onde se celebran, indicou a directora xeral.

Lado puxo en valor a colaboración con entidades da contorna para a realización de prácticas profesionais por parte do alumnado, como foi o caso da Asociación de familiares de alzhéimer da comarca de Bergantiños (Afaber), Asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños (Aspaber), Asociación pro enfermos mentais de Carballo (Apem), Asociación Íntegro de persoas con diversidade funcional da Costa da Morte ou o centro de día para persoas maiores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

A Xunta de Galicia avoga pola formación como un dos mecanismos fundamentais para dinamizar o emprego. Os obradoiros son prioritarios neste obxectivo. Poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades e entidades públicas sen ánimo de lucro.

Tal e como recoñeceu Lado, trátase de ofrecer ao alumnado 12 meses de formación cun contrato de traballo e a posibilidade dunha inserción posterior nas empresas da contorna na que se celebran. Ao remate dos obradoiros, as alumnas e alumnos obteñen un  certificado de profesionalidade.

Os alumnos poden traballar nunha empresa en ocupacións do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta que para a acción Fórum Dual foron concedidos en 12 casos.

Estas accións, que priorizan como beneficiarias a persoas desempregadas con dificultades para acceder ao mercado de traballo, contribúen a reforzar a colaboración da Xunta de Galicia coas entidades locais.  

O Goberno autonómico está a destinar no período 2023-2024 un total de 38,9 millóns de euros á celebración de obradoiros duais de emprego como o hoxe clausurado en Carballo, coa previsión de mellorar a formación e as posibilidades de inserción dunhas 1.400 persoas. Desde o ano 2009, Galicia leva destinados máis de 412 millóns de euros aos obradoiros, nos que se formaron máis de 17.700 persoas.