A Xunta colabora con Adicam para apoiar a enfermas de cancro vítimas da violencia de xénero no eido laboral, xurídico, psicolóxico e social
A Xunta colabora con Adicam para apoiar a enfermas de cancro vítimas da violencia de xénero no eido laboral, xurídico, psicolóxico e social
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asinou un novo convenio coa Asociación de diagnosticad@s de cancro de mama e xinecolóxico (Adicam) para que estas mulleres se apoderen e reciban asesoramento especializado
Grazas á colaboración con este departamento, a entidade atendeu desde 2020 un total de 477 mulleres e celebrou 13 obradoiros para cerca doutras 80
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou un novo convenio coa Asociación de disgnosticad@s de cancro de mama e xinecolóxico (Adicam) para o desenvolvemento de accións dirixidas prioritariamente a mulleres vítimas da violencia de xénero no eido do asesoramento social, xurídico, psicolóxico e laboral. Desde 2020 esta entidade dispensou atención social, psicolóxica, laboral e xurídica así como acompañamento hospitalario a cerca de 500 usuarias, no marco desta colaboración coa Xunta de Galicia.
Grazas á colaboración formalizada cun importe de 15.000 euros en favor da entidade, as beneficiarias recibirán apoios para a prospección e adaptación laboral e poderán optar a obradoiros de habilidades sociais, dixitalización en feminino ou para gañar seguridade en procesos de resolución de conflitos. O interese prioritario é poder ofrecer ás vítimas da violencia de xénero, neste caso enfermas oncolóxicas, apoio e acompañamento.
O convenio enmárcase no conxunto de medidas que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade promove para avanzar na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e combater a violencia de xénero. Trátase de sensibilizar, a través das diferentes actuacións, das distintas formas que adquire o maltrato como atentado á integridade física, psíquica e moral das vítimas, e protexer e apoiar ás mulleres que o padecen. Tamén de ofrecer as ferramentas para identificar situacións de violencia.
Adicam conta na actualidade con máis de 1.500 socias e socios afectados por cancro de mama ou xinecolóxico e doutros procesos oncolóxicos e por persoas solidarizadas coa causa. O seu rango de actuación comprende a provincia de Pontevedra onde é entidade referente no traballo a favor da igualdade e no desenvolvemento de asesoramento socio-asistencial a mulleres vítimas da violencia de xénero.
No marco da colaboración coa área de Igualdade da Xunta, desde o ano 2020 dispensou apoios a un total de 477 mulleres, a meirande parte de carácter social (265 persoas). Entre 2020 e 2022 Adicam tamén celebrou co apoio da Xunta un total de 13 obradoiros nos que tomaron parte 89 usuarias.