A Xunta colaborará na realización dunha nova edición do Proxecto GEM co que se avalía por rexións a nivel mundial a situación das persoas emprendedoras

A Xunta colaborará na realización dunha nova edición do Proxecto GEM co que se avalía por rexións a nivel mundial a situación das persoas emprendedoras

  • A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asinará un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Confederación de Empresarios de Galicia para participar un ano máis no proxecto de España.
  • Como novidade incluirase un capítulo monográfico en emprendemento en economía social e seleccionaranse 36 expertos de 9 categorías para identificar diferentes iniciativas e a actividade emprendedora na comunidade galega.
  • O proxecto GEM foi posto en marcha a nivel mundial pola London Business School e o Babson College contando cunha metodoloxía de investigación propia e común a todos os países e rexións, o que permite ofrecer información comparable entre territorios.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asinará un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) para o desenvolvemento dunha nova edición do Global Entrepreneurship Monitor (Proxecto GEM) en España a nivel rexional.

O proxecto GEM, que lidera a nivel nacional o Observatorio de Emprendemento de España, elabórase sobre a base dunha rede española de 19 equipos rexionais GEM, entre eles o de Galicia, co apoio de institucións, empresas e organizacións. O proxecto avalía, entre outros, a situación  das persoas emprendedoras e o proceso emprendedor.

Trátase, en concreto, dunha iniciativa mundial de investigación, difusión e compromiso académico, consistente nun programa sistemático de recompilación, preparación de informes e coleccións de datos, así como na creación de varias actividades deseñadas para beneficio e axuda de investigadores e responsables de políticas e programas públicos no campo da creación de empresas.

A Xunta inviste nesta actuación 40.000 euros para levar a cabo a execución dos traballos do Proxecto GEM a nivel rexional, que no caso de Galicia supón realizar, de acordo á metodoloxía GEM durante o ano 2023, a enquisa á poboación adulta (APS), Adult Population Survey e a entrevista a expertos (NES), National Expert Survey, de acordo á metodoloxía GEM durante ano 2023. A Administración autonómica, ademais, executará a redacción, edición, presentación pública e difusión do Informe GEM Galicia 2022-23.

Como novidades este ano, incluirase un capítulo monográfico en emprendimento en economía social, ao tempo que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, xunto coa USC e a Confederación de Empresarios de Galicia, seleccionarán 36 expertos de 9 categorías co obxectivo de identificar diferentes iniciativas e a actividade emprendedora en Galicia.

O proxecto GEM foi posto en marcha a nivel mundial pola London Business School e o Babson College, e réxese por ciclos anuais cun estrito calendario que vén determinado polos órganos do GEM Consortium. O elemento clave que caracteriza e diferenza ao Proxecto GEM doutras fontes de información sobre o fenómeno emprendedor ou a creación de empresas é a utilización dunha metodoloxía de investigación propia e común en todos os países e rexións participantes, o que lle permite proporcionar información comparable entre territorios.

A clave desta metodoloxía é a homoxeneidade das ferramentas empregadas para recoller a información, e o feito de traballar como fonte independente complementada polas fontes xa existentes sobre indicadores socioeconómicos.

Existe un interese prioritario da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en consolidar as bases para a creación dunha rede conxunta de investigación que permita a realización de estudos rexionais para Galicia no contorno GEM. Ademais, a través da sinatura deste convenio préstase apoio a investigadores e responsables de políticas e programas públicos no campo da creación de empresas, o que supón unha visión científica na orientación das actuacións emprendedoras cara a creación e consolidación de emprego.