A Xunta concede axudas do programa Emega por 205.000€ a 16 proxectos empresariais impulsados por mulleres na cidade de pontevedra e a comarca
A Xunta concede axudas do programa Emega por 205.000€ a 16 proxectos empresariais impulsados por mulleres na cidade de pontevedra e a comarca
O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución de achegas nunha visita á perrucaría canina Amoriños Family, que recibirá 16.000€ para a posta en marcha da actividade en Monte Porreiro con dous postos de traballo
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade favorecerá a consolidación ou creación de 26 postos de traballo desempeñados por mulleres na bisbarra cunha liña de axudas que beneficia a 117 emprendoras da provincia de Pontevedra
“A Xunta ten un forte compromiso e presta o máximo apoio ao emprendemento das mulleres a través das liñas Emprende, Activa, Innovación e Concilia deste exitoso plan para o fomento de empresas, que incrementou este ano os seus fondos nun 34% e beneficiou a emprendedoras de seis concellos da zona”, detallou Luis López
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de conceder axudas do Programa Emega, de fomento do emprendemento e o emprego feminino, a 16 proxectos empresariais impulsados por mulleres na cidade de Pontevedra e a súa área metropolitana cun investimento de 205.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución esta mañá nunha visita á perrucaría canina Amoriños Family, dirixida por Silvia Vélez e María Luisa Martínez e que vai recibir unha achega de 16.000 euros, ao abeiro da liña Emprende do Programa Emega, para a posta en marcha deste proxecto empresarial no barrio de Monte Porreiro. Na visita estivo acompañado pola xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño.
“As axudas empresariais da Xunta para as mulleres, entre as que destacan as de emprendemento do Programa Emega, son fundamentais para acadar unha sociedade igualitaria e aínda máis desenvolvida, pero collen aínda máis valor nun proxecto coma este de Amoriños Family, xa que, ademais de xerar emprego, aposta por brindar un novo servizo á sociedade e pola dinamización socioeconómica fóra do centro urbano”, sinalou o delegado territorial.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade aprobou axudas por 129.000 euros para un total de nove proxectos da cidade de Pontevedra, que se corresponden, ademais de con esta perrucaría canina, con empresas ou autónomas dos sectores da automoción, o transporte, o textil, a restauración artística, a cociña, a danza, a hostalería ou a estética.
Por outra banda, no resto da bisbarra pontevedresa, hai un total de sete beneficiarias do Programa Emega cunhas axudas globais de 76.000 euros que desenvolven as súas actividades nos ramos da beleza, a formación, a creación gráfica, a fabricación de produtos cosméticos, a panadería e pastelaría ou o xornalismo e que pertencen aos concellos de Marín, Bueu, Poio, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade.
En total, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vai favorecer a consolidación ou creación de 26 postos de traballo de mulleres na cidade e a súa área de influencia -18 en Pontevedra e 8 no resto da comarca- con esta orde de axudas, que beneficia a 117 emprendedoras de toda a provincia cun investimento global de case 1,5 millóns de euros.
“A Xunta ten un forte compromiso e presta o máximo apoio ao emprendemento das mulleres a través deste Programa Emega e das súas catro liñas, Emprende, Activa, Innovación e Concilia, coas que se pretende dar resposta e respaldo a todas as necesidades das emprendedoras e que confirman que se trata dun plan exitoso para o fomento de empresas, que este ano aumentou un 34% os seus fondos e que, no caso desta comarca, vai beneficiar a mulleres de ata seis concellos”, concluíu o delegado territorial.