A Xunta concede máis de 2 M€ a máis de 400 beneficiarios para avanzar na transformación dixital, a innovación e a modernización do sector comercial e artesanal

A Xunta concede máis de 2 M€ a máis de 400 beneficiarios para avanzar na transformación dixital, a innovación e a modernización do sector comercial e artesanal

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe senllos comercios en Santiago de Compostela e Arzúa que recibiron en total preto de 27.000 euros en axudas no marco desta convocatoria de 2024.

     
  • Permite aos establecementos avanzar na implantación do comercio electrónico ou doutras aplicacións de mellora relacionadas coas novas tecnoloxías, ademais de sufragar reformas nos locais, obras para a eficiencia enerxética ou equipamento.

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe sendos establecementos en Santiago de Compostela e Arzúa beneficiarios da convocatoria deste ano para a transformación dixital, a innovación e a modernización do sector comercial e artesanal, que se vén de resolver. Alí, puxo de relevo os máis de 2 millóns de euros distribuídos entre máis de 400 beneficiarios en toda Galicia, máis dun 82% deles comercios e o resto obradoiros artesanais.

O director xeral destacou a importancia de convocatorias coma esta para consolidar os sectores comercial e artesanal de Galicia, claves para a xeración de riqueza e emprego. En concreto, o establecemento ao que acudiu en Santiago tratábase dunha zapatería que recibiu un total de 17.025 euros das liñas de dixitalización e innovación. Mentres, á tenda de moda de Arzúa que visitou Alén concedéronselle 9.205,50 euros desas dúas liñas, e tamén da de modernización. 

Cómpre sinalar que esta orde de axudas está dirixida tanto a comercios retallistas como a obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

No marco da liña de dixitalización, incídese na implantación do comercio electrónico, mentres na de innovación búscase avanzar na implementación doutras aplicacións ou sistemas relacionados coas novas tecnoloxías para mellorar o negocio e a experiencia da clientela. Canto á liña de modernización, contempla reformas nos locais, obras para aumentar a eficiencia enerxética ou a adquisición de equipamento.