A Xunta constata no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia o éxito dos graos C de formación profesional de informática dirixidos a persoas desempregadas

A Xunta constata no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia o éxito dos graos C de formación profesional de informática dirixidos a persoas desempregadas

  • A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego comprobou hoxe a satisfacción do alumnado que xa participou nestas formacións, ao tempo que informou da apertura do prazo de inscrición para dous novos cursos da mesma familia.

     
     
  • Zeltia Lado tamén celebrou o desenvolvemento das accións formativas de alta cualificación destinadas a persoas traballadoras actuais e futuras do sector das tecnoloxías da información (TI).

     

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou esta mañá no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) o alumnado que está a piques de rematar catro graos C de formación profesional da familia informática dirixidos a persoas desempregadas. Alí, a representante autonómica puxo en valor as oportunidades laborais que brindan estas accións coas que se obteñen os correspondentes certificados profesionais.

En concreto, os cursos que están a piques de acabar —e nos que se anotaron máis de 40 persoas— son os de Programación con linguaxes orientadas a obxectos e bases de datos relacionais, Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web, Operación de sistemas informáticos e Xestión de sistemas informáticos. A directora xeral xustificou a escolla na alta inserción laboral da que goza este sector, polo que se seguirán programando —dixo— accións deste tipo. 

Nesa liña, está aberto o prazo para que as persoas desempregadas interesadas se inscriban en dous novos cursos tamén da familia informática, que se impartirán no CNTG durante os meses de abril, maio e xuño. Abordarán o desenvolvemento de compoñentes software en linguaxes de programación orientadas a obxectos e o desenvolvemento de compoñentes software en contorna de cliente respectivamente.

O Programa Bono Remuda, integrado na convocatoria unificada para persoas traballadoras autónomas dotada con preto de 41 M€, ten a finalidade de evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo que facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller o testemuño dun negocio xa viable economicamente. Conta con dúas liñas de actuación: a Liña 1, o Bono Remuda Rural, para concellos de menos de 10.000 habitantes; e a Liña 2, o Bono Remuda Xeral, para concellos de 10.000 habitantes ou máis. Nos dous casos subvenciónase o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda dun negocio ou actividade que estivese previamente inscrito na bolsa de remuda da Rede de Polos de Emprendemento. Para a Liña 1, esta achega é do 75% do prezo do contrato, mentres que para a 2 é do 70%.

Durante a visita a este establecemento, que recibiu no 2025 unha axuda de 30.000 euros  no marco deste programa, Aneiros sinalou que a convocatoria actual, dirixida a persoas traballadoras autónomas, profesionais dados de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia, así como ás persoas mutualistas e ás sociedades de calquera clase, mantén aberto o prazo de solicitudes ata o 30 de setembro. Este ano, o Bono Remuda conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros. A delegada remarcou tamén a “importancia da remuda xeracional para o comercio local”, destacando estas axudas como “un impulso axeitado para todos os que queiran emprender”.

Formación TI

A maiores, Lado puido comprobar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia o desenvolvemento das accións formativas para persoas traballadoras actuais e futuras do sector TI galego. Así, no marco da programación actual, o centro imparte 151 cursos e 134 seminarios.

Dos cursos, xa se levan impartido un total de 96, nos que amosaron interese máis de 4.800 persoas (cunha demanda de 2,56 persoas por praza). A directora xeral engadiu que as accións formativas foron valoradas polo propio alumnado cunha cualificación media de 9,22 sobre 10. Mentres, na banda dos seminarios técnicos, desenvolvéronse 80, aos que asistiron unhas 1.400 persoas.