A Xunta conta xa con 100 ofertas laborais para que galegas e galegos no exterior poidan volver a Galicia no marco do programa Retorna Cualifica Emprego

A Xunta conta xa con 100 ofertas laborais para que galegas e galegos no exterior poidan volver a Galicia no marco do programa Retorna Cualifica Emprego

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no segundo encontro virtual entre empresas e persoas candidatas celebrado na Coruña en colaboración coa Fundación Venancio Salcines.
  • Entre as vacantes non cubertas polas persoas demandantes do servizo galego de emprego estanse a ofrecer ás persoas retornadas postos variados como axente comercial, infomático, enxeñeiro, cociñeiro, tornero ou mecánico, entre outros.
  • Lorenzana animou ao tecido empresarial a canalizar as súas ofertas a través do servizo galego de emprego e a adherirse ao programa para fomentar o retorno de traballadores para dar resposta as súas necesidades de man de obra cualificada

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no segundo encontro virtual (o primeiro celebrouse como piloto en abril) organizado polo seu departamento co apoio da Fundación Venancio Salcines entre unha trintena de empresas galegas e 25 persoas candidatas a participar no programa Retorna Cualifica Emprego que favorece o retorno de galegas e galegos no exterior para dar cobertura a vacantes de emprego non atendidas co persoal dispoñible na Comunidade.

No acto tomaron parte mulleres e homes residentes no exterior, principalmente en países de Sudamérica, con formación e experiencia en sectores como o comercio exterior, a loxística ou a informática. En canto as empresas, mostraron o seu interese no programa algunhas das principais corporacións multinacionais da Comunidade de sectores como o téxtil, tecnolóxico, agroalimentario ou de construción.

A través de entrevistas rápidas, de poucos minutos, os aspirantes puideron debullar as súas inquedanzas tanto no eido laboral como persoal e dar resposta ás preguntas formuladas polos responsables de recrutamento das firmas participantes.

Lorenzana tivo a oportunidade de animar ás galegas e galegos que se estean prantexando o seu retorno a apuntarse ao programa Retorna Cualifica Emprego, enmarcado na Estratexia Retorna Galicia da Xunta, que conta con case 4 millóns de euros de orzamento para que unhas 400 persoas residentes no exterior poidan volver a Galicia cun contrato de traballo indefinido. “Desde a súa posta en marcha en febreiro, xa temos medio centenar de ofertas de traballo dispoñibles e están empezando a chegar a Galicia as primeiras persoas traballadoras”, especificou no acto.

Entre as ofertas a dispor das persoas candidatas, estanse a reclamar perfís heteroxéneos como delegado comercial, enxeñeiro, encofrador, tornero, aplicadores de revestimentos, mecánicos de camión ou autobús, analistas programadores, ou cociñeiros, entre outros.

“A Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 ten na súa segunda edición unha variable laboral moi evidente que estes días comeza a tomar dimensión humana, con nomes e apelidos”, dixo a conselleira no acto.  

Os contactos entre os galegos no exterior e as empresas promovidos pola Xunta de Galicia están a ser xa intensos e frutíferos. A conselleira fixo un chamamento a persoas emprendedoras e empresas para que se adhiran ao protocolo que se ofrece a clústeres, asociacións empresariais e outras organizacións sectoriais para que se impliquen no programa. “A adhesión ao documento resulta fundamental para atender a demanda de profesionais que precisan as empresas nos casos nos que non se estea a cubrir coas persoas residentes en Galicia, é dicir, ofrecer esas vacantes ás galegas e galegos que desexen volver á terra”, especificou. Para facelo, as empresas teñen que comunicar as súas vacantes ao servizo de emprego galego e de non poderse atender coas persoas demandantes de traballo que están rexistradas, poden activar este mecanismo.