A Xunta continúa avanzando na elaboración do Plan Estratéxico do Comercio a través dun novo encontro participativo co sector en Vigo

A Xunta continúa avanzando na elaboración do Plan Estratéxico do Comercio a través dun novo encontro participativo co sector en Vigo

  • Tras os encontros xa celebrados en Ourense, Lugo e A Coruña, esta nova xuntanza enmárcase no proceso de escoita activa aberto polo Goberno galego para abordar medidas que garantan a competitividade do tecido comercial.

     
  • José González remarcou a vontade de abordar o futuro do sector desde a necesaria colaboración público-privada, recollendo as achegas e as demandas de todos os axentes implicados.

  • A planificación, que abranguerá ata 2030, abordará a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal, con foco nas novas tecnoloxías, a especialización, a calidade do produto, a experiencia do usuario e a remuda xeracional.

     

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou esta mañá na apertura da xornada técnica de elaboración do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia que se está a celebrar hoxe no Instituto Feiral de Vigo con comerciantes, representantes de asociacións e centros comerciais abertos de toda a provincia. Deste xeito -e tras as xuntanzas xa celebradas en Ourense, Lugo e A Coruña- a Xunta continúa avanzando no proceso participativo e de escoita activa con todo o sector de cara a ter listo o documento no primeiro trimestre de 2025.

José González agradeceu a presenza de todos os participantes e remarcou a importancia destes encontros que a Xunta está impulsando en toda Galicia coa vontade de abordar o futuro do sector desde a necesaria colaboración público-privada, recollendo as achegas e as demandas de todos os axentes implicados para deseñar un comercio moderno, resiliente, competitivo e que dea resposta aos desafíos actuais e ás novas tendencias dos consumidores.

O conselleiro non só valorou a incidencia económica dun sector estratéxico para Galicia, que conta con máis de 24.000 comercios polo miúdo en Galicia e xera 107.000 postos de traballo, senón que tamén se referiu á súa importancia vital como un activo esencial na vertebración social e estructuradora do territorio.

Nesta liña, José González puxo o foco na aposta do Goberno autonómico por acometer un plan de remuda xeracional para asegurar a continuidade dos comercios rendibles, apoiando tanto ao que cesa na actividade como ao que a vai continuar. Mencionou que, a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego – iniciativa que favorece e fomenta o emprendemento e a atracción de talento en Galicia e que conta xa con 14 centros en todo o territorio- está en marcha o Plan Remuda, que ofrece acompañamento para asesorar, axilizar e facilitar os procesos de remuda ou transmisión de negocios establecidos no territorio galego. Un programa que, ademais, se complementa cunha convocatoria pioneira de axudas neste eido, dotada con 1,5 millóns de euros para evitar o peche de negocios por mor da xubilación dos seus titulares.

Plan estratéxico do comercio de Galicia

A futura planificación, con horizonte en 2030, abordará a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e tamén artesanal, que permita desenvolver un Mapa do Comercio de Galicia efectivo. Este espazo contemplará a todo o sector comercial integrado dentro das asociacións, cun buscador por tipoloxía de establecemento, xeolocalización e información detallada para potenciais clientes.

Entre as medidas nas que está a traballar o Executivo galego, figura o impulso das prazas de abastos -fomentando a súa certificación como Mercados Excelentes- ou a posta en marcha do selo Menú de Mercado, que permita facer campañas cruzadas cos restaurantes da contorna. Tamén contemplará liñas para potenciar os centros comerciais abertos -para consolidalos como máximos referentes dun servizo de proximidade e de calidade e simplificar as súas axudas-e a Fundación Artesanía de Galicia, para seguir apoiando o labor dos nosos artesáns e artesás.