A Xunta continúa co impulso ao emprego local ao investir 1,5 M€ máis en axudas para a contratación dunhas 500 persoas desempregadas en 180 concellos
A Xunta continúa co impulso ao emprego local ao investir 1,5 M€ máis en axudas para a contratación dunhas 500 persoas desempregadas en 180 concellos
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria dos apoios dirixidos ás entidades locais para a realización de servizos de interese xeral e social, unha iniciativa que se suma aos programas Aprol Rural e de contratación de persoas perceptoras da Risga que se publicaron o mes pasado no DOG
O Goberno galego con estas tres actuacións está a destinar preto de 16,2 millóns para a contratación dunhas 1.600 persoas sen emprego nos concellos galegos
A Xunta está a destinar preto de 16,2 millóns de euros para impulsar o emprego dunhas 1.600 persoas sen traballo nas entidades locais de Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe por 1,5 millóns de euros o programa para apoiar aos concellos na contratación de persoas desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social, unha iniciativa que se suma a outras dúas, tamén de impulso ao emprego local, que se publicaron no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 1 de febreiro: os apoios para a contratación de persoas perceptoras da Risga (7,7 millóns) e Aprol Rural (7 millóns).
As axudas que se autorizan hoxe permitirán dar emprego nuns 180 concellos a 500 persoas sen emprego, que na práctica desenvolven durante a campaña de verán labores de vixilancia e seguridade en praias e outros espazos naturais ou en instalacións acuáticas. O obxectivo da actuación é proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción no mercado de traballo. Os apoios poden solicitarse ata o próximo 21 de abril.
Poderán ser beneficiarios deste programa, os concellos e as mancomunidades de concellos, os consorcios locais e as entidades locais menores, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos. A contía que percibirán as entidades beneficiarias irá destinada a sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, cos importes máximos recollidos na convocatoria de axudas.
Os traballadores e traballadoras a contratar deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.