A Xunta convida ás pemes galegas a aproveitar os recursos autonómicos de asesoramento gratuíto para impulsar a responsabilidade social empresarial
A Xunta convida ás pemes galegas a aproveitar os recursos autonómicos de asesoramento gratuíto para impulsar a responsabilidade social empresarial
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, pechou hoxe en Vigo a xornada Os novos piares do mercado económico: as persoas e o planeta na que participou, entre outros relatores, Juan Verde, ex-asesor de Obama
Pon en valor o programa Responsabilízate co que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a promover o benestar laboral para facer unha Galicia cun tecido produtivo máis competitivo
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, convidou hoxe en Vigo a que as pequenas e medianas empresas (pemes) e micropemes aproveiten os recursos que a Xunta está a poñer a súa disposición para continuar impulsando a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) entre o tecido produtivo. Mancha interviu no peche da xornada Os novos piares do mercado económico: as persoas e o planeta, organizada no Círculo de Empresarios de Galicia pola consultoría Todo bien. An ethical company, para promover entre as empresas galegas os obxectivos de sustentabilidade social, ambiental e goberno corporativo.
En palabras da directora xeral, son retos que comparte a Xunta e que leva anos impulsando. De feito, Mancha lembrou que a Xunta é unha administración pioneira na promoción da RSE entre o tecido empresarial, apuntando que nestes momentos o seu reto principal é conseguir que as pemes e micropemes sigan incrementando a súa preocupación pola sociedade, o medio ambiente e as persoas que lle rodean, en liña cos criterios ASG (ambientais, sociais e de goberno corporativo).
Entre os programas que o Goberno galego está a desenvolver neste ámbito, puxo en valor Responsabilízate, no que están a participar na actualidade máis dun cento de empresas co propósito de promover o benestar laboral e facer un tecido produtivo máis competitivo. As firmas que completen todo o programa recibirán o Selo de Empresa Responsabilízate, un recoñecemento autonómico pola seu bo labor. Trátase dunha iniciativa coa que se ofrece asesoramento gratuíto ás pemes, facéndolles unha diagnose inicial para ver os puntos fortes da empresa e onde dirixir a súa estratexia RSE con formación e un plan de acción. Con Responsabilízate, a Xunta tamén acompaña ás participantes na implantación de medidas de RSE na súa primeira fase.
No marco do programa, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a celebrar estas datas unha serie de xornadas por todas as provincias e a nivel galego por sectores, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia. Este mesmo xoves, terá lugar unha sesión en Ourense na que intervirán grandes empresas tractoras. “Cada vez máis empresas están convencidas das vantaxes de ser responsables, porque a RSE é un valor para a organización e tamén para a sociedade”, concluíu Mancha.