A Xunta convoca con case 2,3 M€ as axudas de 2025 para impulsar a formación e asesoramento en materia de prevención de riscos laborais
A Xunta convoca con case 2,3 M€ as axudas de 2025 para impulsar a formación e asesoramento en materia de prevención de riscos laborais
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe e estes apoios destinados ao fomento da prevención de riscos laborais e a actividades neste eido, que este ano se unifican nunha mesma orde para avanzar na simplificación administrativa.
Este programa está dirixido ás organizacións empresariais e sindicais, sectoriais e intersectoriais, fundacións sectoriais e ás asociacións de autónomos e estímase que del se poidan beneficiar unhas 55 entidades.
Algúns exemplos de actuacións financiadas con estes apoios son cursos básicos transversais de prevención de riscos laborais ou outros sectoriais relacionados coa seguridade e saúde en actividades como a hostalaría e a construción, entre outros.
Priorizarase, entre outros, o apoio á formación para a poboación traballadora de máis de 55 anos ou a cualificación en prevención de riscos nas novas formas de organización do traballo e en sectores laborais feminizados.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria deste ano das axudas destinadas ao fomento da prevención de riscos laborais e a actividades neste eido cun orzamento de case 2,3 millóns de euros. Como novidade este ano, unifícanse ambas liñas de axudas nunha mesma convocatoria, avanzando así na simplificación administrativa.
O programa de achegas está dirixido ás organizacións empresariais e sindicais galegas, sectoriais e intersectoriais, así como ás fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral e ás asociacións de autónomos e estímase que se poidan beneficiar desta convocatoria unhas 55 entidades.
Das dúas liñas de axudas que contén a iniciativa, a primeira está destinada a financiar accións de formación e asesoramento en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial e sectorial e está dotada con máis de 1,6 M€.
As actividades de carácter intersectorial son as realizadas esencialmente polos gabinetes técnicos de Seguridade e Saúde Laboral das entidades solicitantes e algúns exemplos de actuacións que se teñen apoiado son cursos básicos transversais de prevención de riscos laborais ou de protección da saúde para a mellora das condicións de traballo e adaptacións de postos.
En canto ás accións de carácter sectorial, van en función dos distintos sectores solicitantes e con estes apoios téñense financiado cursos como os de prevención de riscos ergonómicos para cociñeiros no ámbito da hostalaría e no da construción a formación de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras. Outro exemplo de cursos que se apoian é o de operador ou de manexo seguro de carretillas elevadoras ou de plataformas elevadoras.
A segunda liña de achegas promoverá actividades preventivas tamén de carácter intersectorial ou sectorial, entre elas xornadas técnicas de prevención de riscos laborais, seminarios, estudos e traballos técnicos e publicacións e conta con máis de 655.100 euros.
Detalles da convocatoria
A Xunta outorgará na resolución da convocatoria unha maior puntuación ás entidades atendendo a criterios de paridade nos seus cadros de persoal ou de estabilidade no emprego. Priorizarase a formación en poboación traballadora de máis de 55 anos ou a cualificación en prevención de riscos nas novas formas de organización do traballo e en sectores laborais feminizados.
Estas achegas poden solicitarse desde mañá ata o 27 de febreiro e as entidades interesadas poden consultar os requisitos específicos para poder acceder a estes apoios na orde que publica hoxe o DOG.
Ligazón á convocatoria no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250127/AnuncioG0767-301224-0009_gl.html