A Xunta convoca unha nova edición do concurso Eduemprende idea para fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado galego
A Xunta convoca unha nova edición do concurso Eduemprende idea para fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado galego
- A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade lanza a edición 2024 do certame que se dirixe ao alumnado de formación profesional, de ensinanzas deportivas, de artes plásticas e de deseño da comunidade.
- A Xunta destina 12.000 euros en premios a estes galardóns e a posibilidade de que os proxectos se incorporen aos viveiros de empresa en centros educativos e reciban asesoramento da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do concurso Eduemprende Idea 2024, unha iniciativa coa que promove a realización de proxectos empresariais no ámbito escolar.
O certame está aberto ao alumnado de centros sostidos con fondos públicos de formación profesional, de ensinanzas deportivas ou de artes plásticas e de deseño da comunidade.
Para tomar parte no mesmo, a participación terá que ser en grupos, integrados por un mínimo de dúas persoas e un máximo de catro.
A Dirección Xeral de Emprendemento destinará un total de 12.000 euros a premios concedidos no marco da convocatoria.
Os galardóns artéllanse en dúas categorías: unha primeira, destinada aos ciclos de grao superior, e unha segunda, para ciclos de grao medio. Premiaranse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade, o 1º posto con 3.000 euros, o 2º con 2.000 e o 3º con 1.000.
Os proxectos vencedores poderán incorporarse a viveiros de empresa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e recibir o asesoramento técnico da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.
Iniciativas coma esta perseguen a implantación na comunidade educativa dunha verdadeira cultura emprendedora, que permita a posta en marcha de proxectos viables e para a creación de ideas innovadoras de negocio, co fin de crear as condicións para que poidan prosperar as iniciativas de negocio e aproveitar o talento en Galicia.