A Xunta creou 58 postos de traballo na comarca de Santiago coas axudas autonómicas do Programa Emega de apoio ao emprendemento e ao emprego feminino
A Xunta creou 58 postos de traballo na comarca de Santiago coas axudas autonómicas do Programa Emega de apoio ao emprendemento e ao emprego feminino
Trenor reuniuse cunha das beneficiarias deste apoios ao que o Goberno galego destina nesta comarca máis de 370.000 euros
Esta orde de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade contou na edición de 2022 con case 4,4 millóns de euros, o que permitiu conceder 346 axudas, un 47,9% máis que en 2021 en Galicia
O Goberno galego leva destinados desde 2009 cerca de 19 millóns a esta iniciativa, cos que apoiou máis de 1.100 proxectos empresariais e creou case 2.700 postos de traballo feminino
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o establecemento Gaia dos Nenos de puericultura ecolóxica, beneficiario da orde de axudas do programa Emega de apoio ao emprendemento e ao emprego feminino que apoia na comarca de Santiago a creación de 58 novos postos de traballo cun investimento de máis de 370.000 euros. Gaia dos Nenos recibiu, no 2022, unha axuda de 17.000 euros para contratar a tres traballadoras por conta propia e unha por conta allea indefinida.
A convocatoria do 2022 para este programa contou cun orzamento histórico de case 4,4 millóns de euros, o que permitiu conceder 346 axudas, un 47,9% máis que en 2021 en toda Galicia.
O crédito da convocatoria experimentou na anualidade do ano pasado un incremento significativo, co obxectivo de ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero.
O programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
Catro liñas integran o programa: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como as traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.
A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.
Para resultar beneficiarias do programa Emega, as mulleres emprendedoras teñen que liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.
A Xunta aposta polo talento e o liderado feminino, polo que continúa a impulsar o programa Emega que conta con 26 anos de traxectoria en Galicia, como punta de lanza da promoción da igualdade no eido laboral.
Desde 2009, o Goberno galego leva investidos cerca de 19 millóns de euros no programa, permitindo a concesión de preto de 1.500 axudas para apoiar proxectos empresariais femininos que permitiron crear 2.084 postos novos e o mantemento de 648 preexistentes.