A Xunta destaca a importancia dos fondos europeos para facer de Galicia unha comunidade máis social e inclusiva
A Xunta destaca a importancia dos fondos europeos para facer de Galicia unha comunidade máis social e inclusiva
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, mantiveron un encontro co Comisario de Emprego e Dereitos Sociais da UE, Nicolas Schmit.
Neste encontro, a Xunta expuxo ante o Comisario algúns dos proxectos máis importantes financiados co Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e o FSE+.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a importancia dos fondos europeos para facer de Galicia unha comunidade autónoma máis social e inclusiva, co emprego como eixe clave de actuación.
Así o expuxo no encontro mantido co Comisario de Emprego e Dereitos Sociais da UE, Nicolas Schmit, que está en Galicia para coñecer de primeira man algúns dos proxectos máis importantes financiados co Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) e co FSE+. Neste encontro tamén participou a conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, Elena Rivo.
Durante a súa intervención, Miguel Corgos tamén puxo en valor que a execución dilixente que fixo Galicia dos recursos procedentes da Unión Europea contribuíron á converxencia da Comunidade. Neste marco, lembrou que un dos retos estratéxicos da Xunta é acadar a converxencia coa media estatal a finais deste década de xeito que a Comunidade se sitúe por riba do 90 % do PIB per capita da Unión Europea.
En relación ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, Miguel Corgos precisou que, ata o momento, Galicia ten asignados uns 1.400 millóns de euros (o 6 % do importe distribuído ás comunidades autónomas), dos que arredor do 30 % son para os ámbitos da protección social, o emprego e a educación.
Así mesmo, o conselleiro aludiu ademais ao Programa do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) de Galicia 2021-2027, e subliñou que este programa é tamén fundamental para a mellora destes ámbitos polo seu apoio ao emprendemento e ao investimento en capital humano; á transición da educación ao mercado de traballo da mocidade; e á loita contra a pobreza, favorecendo a inclusión social e fomentando a igualdade de xénero, a non discriminación e a igualdade de oportunidades.
Rede de polos de emprendemento
Pola súa banda, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou o compromiso da Xunta de Galicia para impulsar un emprego de calidade, un mercado laboral dinámico e inclusivo e un crecemento económico intelixente en todo o seu territorio.
Para a consecución destes retos, explicou que a Administración autonómica, entre outros, está a tecer unha Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego cos obxectivos de casar a busca de emprego e a demanda, dinamizar o mercado de traballo, sobre todo nas zonas rurais, e fixar poboación no territorio.
A Rede, en palabras da conselleira, está a ser unha ferramenta para crear riqueza en calquera lugar de Galicia: atendendo desde a súa posta en marcha, hai algo máis dun ano, a 568 persoas emprendedoras (59 % mulleres), demostrando que o emprendemento non ten xénero nin idade, ofrecendo posibilidades ás persoas desempregadas, autónomos e traballadores por conta allea, sexa na rama que sexa. Na actualidade hai oito polos en activo consolidados e outros dous que están a dar os seus primeiros pasos coa previsión de chegar este ano á totalidade do territorio galego.
En materia laboral, ademais, Rivo indicou que a Xunta colabora co tecido empresarial ofrecendo formación para ser máis competitivos no mercado, aposta pola cualificación das persoas traballadoras a través das microcredenciais, apoia o traballo autónomo, sendo Galicia a rexión con máis peso deste colectivo en España (19,9 %), e a economía social.