A Xunta destaca as novas instalacións do polo de emprendemento de Ferrol e a súa alizanza estratéxica coa Cámara de Comercio da Coruña

A Xunta destaca as novas instalacións do polo de emprendemento de Ferrol e a súa alizanza estratéxica coa Cámara de Comercio da Coruña

  • A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou esta mañá a nova oficina, que vén de iniciar unha nova etapa trasladándose ao centro na cidade, na rúa María, 158
  • Este cambio de sede permitirá incrementar a visibilidade do servizo e reforzar o contacto directo coa cidadanía e co tecido económico local, nun territorio no que xa leva asesorado preto de 870 proxectos e contribuíu a crear máis de 120 empresas
  • Este novo paso enmárcase no compromiso do Goberno galego coa potenciación económica da Ferrolterra, precisamente despois de recuperar os servizos camerais a través da Cámara de Comercio da Coruña, froito dun acordo impulsado pola Xunta
  • Con esta combinación de recursos, un Polo consolidado e unha Cámara de referencia, Ferrol sitúase como un dos epicentros do emprendemento en Galicia, cunha oferta de primeiro nivel para apoiar ás persoas emprendedoras e fortalecer o tecido económico

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou esta mañá as novas instalacións do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Ferrol, que vén de iniciar unha nova etapa no centro na cidade —na rúa María, 158— na sede da Cámara de Comercio da Coruña na cidade ferrolá. Alí puxo en valor o seu papel como referente no apoio ás persoas emprendedoras da comarca cun balance de preto de 870 proxectos atendidos, e sinalou que a nova ubicación permitirá reforzar a súa presenza e visibilidade, facilitando un contacto máis directo coa cidadanía e co tecido económico local.

Tal e como indicou Marta Mariño, este impulso vén acompañado dunha alianza coa Cámara de Comercio da Coruña, entidade histórica de referencia no apoio ao emprendemento, o que contribuirá a potenciar o labor do Polo no acompañamento integral ás persoas que desexan comezar ou reforzar un proxecto por conta propia: desde a xestación da idea de negocio ata a súa posta en marcha, crecemento e consolidación, con servizos de formación, asesoramento e orientación na busca de financiamento.

Ata agora, este centro leva atendido o 17 % do total de proxectos da Rede de polos en Galicia e contribuíu á creación de máis de 120 entidades xurídicas, consolidándose como unha peza clave na creación de iniciativas viables, sostibles e ligadas ao territorio. A colaboración coa Cámara permitirá reforzar o asesoramento técnico, piar do apoio prestado ás persoas emprendedoras, que xa suma arredor de 2.000 titorías de atención personalizada. Tamén permitirá avanzar en novas liñas de traballo aliñadas coas necesidades do territorio, promovendo estratexias colaborativas de dinamización do ecosistema emprendedor, cunha ampla aceptación entre os axentes locais. Cómpre sinalar que no caso de Ferrolterra, o comercio, os servizos e a hostalaría son os sectores con maior presenza entre os proxectos atendidos, cunha participación destacada das mulleres, que representan o 61 % das persoas emprendedoras asesoradas no Polo.

Pulo á dinamización económica da comarca

Este novo paso enmárcase no compromiso da Xunta coa potenciación económica e revitalización da comarca, nunha clara aposta por fomentar o autoemprego, a dinamización comercial e o crecemento empresarial. Precisamente a cidade vén de recuperar ademais un valor engadido coa reactivación dos servizos camerais a través da Cámara de Comercio da Coruña, froito do acordo entre a Xunta, o Concello de Ferrol, empresarios e as cámaras de comercio galegas.

Con esta combinación de recursos —un Polo consolidado e unha Cámara de referencia— Ferrol sitúase como un dos epicentros do emprendemento en Galicia, cunha oferta de primeiro nivel que permitirá seguir apoiando ás persoas emprendedoras e fortalecer o tecido económico da comarca.