A Xunta destaca en Sober o traballo do Polo Lugo Sur no que se asesoraron preto de 50 proxectos de sectores como a hostalería, o comercio e o primario

A Xunta destaca en Sober o traballo do Polo Lugo Sur no que se asesoraron preto de 50 proxectos de sectores como a hostalería, o comercio e o primario

  • A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe nunha xornada informativa sobre os servizos de asesoramento e apoio ás iniciativas de emprendemento de aloxamentos turísticos no rural.

  • Sinalou que a Rede autonómica de polos de emprendemento e apoio ao emprego está a conectar ás persoas con iniciativa empresarial, ás administracións, aos axentes e técnicos que prestan servizos no eido laboral e ás empresas para crear emprego.

  • Na provincia de Lugo están en activo tres polos (Lugo Sur, Montaña lucense e A Mariña) que acompañaron desde a súa posta en marcha 78 proxectos empresariais

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, destacou hoxe en Sober, nunha xornada informativa organizada polo Polo Lugo Sur, para dar a coñecer os servizos de asesoramento e apoio ás iniciativas de emprendemento de aloxamentos turísticos no rural, os servizos que a Xunta está a prestar ás persoas emprendedoras desde a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

Ardao sinalou o importante labor que a través dos polos se está a desenvolver para dinamizar o mercado laboral e xerar traballo de calidade e pegado ao territorio. Este recurso, segundo apuntou, conecta ás persoas emprendedoras, ás administracións, aos axentes e técnicos que prestan servizos no ámbito do emprego, e aos sectores tractores e empresas do territorio.

Na actualidade están activos en Galicia oito polos (serán 15 a finais deste ano), onde se acompaña ás persoas emprendedoras nos seus proxectos, desde principio ao fin, ao tempo que se celebran actividades de difusión da cultura emprendedora nas que se fomentan o intercambio de ideas e coñecementos.

No Polo Lugo Sur, desde o que se organizou a xornada de hoxe, dase cobertura e apoio ao emprego aos concellos de Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Carballedo, Chantada, Taboada, Sober e Monforte de Lemos. Ata o de agora atendéronse 47 proxectos empresariais de diversos sectores: actividades artísticas, recreativas e de entretemento, hostalería, comercio e agricultura, gandería, silvicultura e pesca, entre outros.

Referido á provincia lucense, existen tres polos en total (xunto co de Lugo Sur, os da Montaña lucense e A Mariña) que acompañaron desde a súa posta en marcha 78 proxectos empresariais.

Axudas ao emprendemento

Na actividade celebrada hoxe, a directora xeral de Emprendemento tamén destacou a nova edición das axudas ao emprendemento que se aprobaron recentemente no Consello da Xunta. Dun lado, e, por segundo ano consecutivo, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convocou a semana pasada apoios para axudar cos investimentos desenvolvidos polas iniciativas empresariais máis recentes e contribuír a mellorar a súa competitividade. A iniciativa conta cun orzamento de 7 millóns de euros e podénse beneficiar pemes, persoas traballadoras autónomas, sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego, que teñan iniciado a súa actividade desde o 1 de xaneiro de 2021 (ou máis tarde) e permanezan en activo.

Outorgaranse axudas para financiar investimentos realizados polas entidades entre o 5 de novembro de 2022 ata a data da solicitude. Cubriranse, deste xeito, investimentos xa realizados (debidamente xustificados mediante factura) en equipamento informático, melloras da eficiencia enerxética, adquisición de mobiliario, reforma e/ou habilitación de locais ou adquisición de equipos de segunda man para o negocio, entre outros.

Doutro lado, en vindeiras datas convocaranse os apoios dotados con seis millóns de euros para financiar investimentos e a contratación de persoas desempregadas por emprendedores con ata 42 meses de actividade. Así, en total, a Xunta destinará 13 millóns de euros a estas dúas ordes de axudas.

A xornada tamén contou coa participación da experta Paloma Vázquez Fernández, xefa da área provincial de Turismo de Lugo da Axencia de Turismo de Galicia, que abordou a tipoloxía de aloxamentos turísticos, as condicións específicas do aloxamento turístico rural e as axudas de interese.