A Xunta destaca en Vigo que as axudas ao retorno emprendedor se poden solicitar ata o 30 de setembro para promover novas saídas laborais en Galicia

A Xunta destaca en Vigo que as axudas ao retorno emprendedor se poden solicitar ata o 30 de setembro para promover novas saídas laborais en Galicia

  • O secretario xeral da Emigración visitou na cidade olívica a floraría La Boheme, posta en marcha por unha emprendedora retornada desde Francia coa axuda da Xunta.

     
  • Antonio Rodríguez Miranda lembrou que “as persoas retornadas poden recibir ata 10.000 euros de apoio para iniciar o seu negocio” e engadiu que, desde a súa activación en 2018, apoiáronse preto de 900 proxectos con máis de 5,4 M€.

  • Destacou o papel fundamental de acompañamento ás familias retornadas que desenvolven as oficinas de retorno que, no caso de Vigo, leva preto de 6.000 persoas atendidas desde 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe en Vigo a floraría La Boheme de Zoila Martínez Pacheco, unha galega retornada de 46 anos que, tras vivir durante unha década en Lyon (Francia), decidiu regresar á súa terra en outubro de 2024 e iniciar un proxecto empresarial coa axuda do programa Retorno Emprendedor da Xunta de Galicia. Concretamente, Zoila abriu as portas do seu establecemento o pasado xaneiro, tras recibir unha achega autonómica de 7.000 euros que lle permitiu facer fronte aos primeiros gastos para converter a súa paixón polo mundo das flores nun proxecto profesional.

Durante a visita, Miranda puxo en valor o labor de persoas como Zoila, que “apostan por Galicia como lugar para vivir, emprender e construír futuro” e destacou que “o seu caso representa á perfección o espírito da Estratexia Galicia Retorna: persoas con experiencia, iniciativa e raíces galegas que regresan para contribuír ao desenvolvemento económico e social do país”.

No que vai de 2025, xa se presentaron preto de 150 solicitudes de retornados procedentes de países como A Arxentina, Cuba, Venezuela, O Brasil, O Uruguai, Portugal, O Reino Unido, Alemaña ou Francia. Miranda lembrou que o prazo para solicitar estas axudas continúa aberto ata o 30 de setembro, no marco da aposta decidida da Xunta polo retorno como motor de cambio demográfico, económico e social. Engadiu que, desde a activación destas axudas en 2018, apoiáronse preto de 900 proxectos empresariais cun investimento superior aos 5,4 millóns de euros.

A visita do secretario xeral tamén serviu para reforzar a mensaxe de que Vigo é un exemplo destacado de integración e emprendemento, cunha rede activa de atención ás persoas retornadas a través de ferramentas como a Oficina de Retorno viguesa, que leva preto de 6.000 persoas atendidas desde 2020. Animou a todas as persoas que están en Galicia a que se dirixan a unha das oficinas de retorno para ser informadas e completar este trámite.