A Xunta destaca o descenso do paro mensual en Galicia a diferenza do que sucede no Estado e a alza en máis de 5.000 persoas das afiliacións
A Xunta destaca o descenso do paro mensual en Galicia a diferenza do que sucede no Estado e a alza en máis de 5.000 persoas das afiliacións
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, valorou hoxe os datos do paro rexistrado no segundo mes do ano: “Galicia acada a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica nun mes de febreiro”
Subliñou que o desemprego baixa no último ano nas catro provincias, en todos os sectores de actividade e acada datos históricos nun febreiro entre menores de 30 anos e mulleres
A diferenza do comportamento do paro que sube no conxunto do Estado en febreiro con respecto a xaneiro deste ano, Galicia conta con case 1.000 desempregados menos
A Xunta está a avogar por un mercado laboral atractivo con cabida para todas as persoas en igualdade de oportunidades e coa prioridade de captar e reter talento
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, valorou hoxe os datos de paro rexistrado o pasado febreiro, dos que destacou o comportamento do emprego en Galicia, comunidade na que o desemprego baixa con respecto a xaneiro deste ano, en contra do que sucede no Estado, onde subiu. Remarcou que a comunidade está a crear emprego xa que as novas afiliacións contabilizadas o pasado mes superan o número de persoas que saen do paro.
Galicia conta na actualidade con 144.092 persoas en desemprego. Trátase da cifra máis baixa nun mes de febreiro desde que se conta con rexistros (1996).
O paro descendeu na evolución anual (respecto de febreiro de 2022) nun 6,74 % (-10.417 persoas) e na mensual (respecto de xaneiro deste ano) nun 0,66 % (-956 persoas). En Galicia baixou o desemprego o pasado febreiro con respecto a xaneiro, un mes no que no conxunto de Estado rexistrouse unha suba do 0,44 %.
O descenso prodúcese nas catro provincias, nas sete principais cidades e en todos os sectores de actividade respecto de hai un ano, subliñou a conselleira. Con respecto aos sectores de actividade, a comunidade anota unha baixa en todos eles, máis acusada no caso da Agricultura e da Pesca, por enriba do 16 %.
Lorenzana subliñou o bo comportamento experimentado no caso das traballadoras e traballadores de colectivos prioritarios nas políticas de emprego autonómicas. Así, caeu o paro entre os menores de 30 (-16,68 %) e mulleres (-6,07 %) respecto de hai un ano, ata situarse en cifras nunca vistas nun mes de febreiro desde que hai rexistros.
As afiliacións tamén reflicten unha tendencia ascendente cunha suba mensual do 0,49 %, lixeiramente superior á anotada polo Estado (+0,44 %) e unha diferenza de +0,94 % con respecto a febreiro do ano pasado. Galicia conta na actualidade con 1.035.824 cotizantes.
Lorenzana puxo en valor que se contabilizan “máis afiliacións que persoas saen do paro”, na lectura entre xaneiro e febreiro, polo que quixo destacar “a importancia de que esas persoas que saen do paro é porque atopan un emprego na comunidade autónoma”.
O Goberno autonómico está a construír un mercado laboral atractivo, con cabida para todas as persoas en igualdade de oportunidades e cunha prioridade: captar e reter talento. Neste sentido avogou por seguir a executar políticas centradas en casar a oferta e a demanda laboral de postos de traballo para brindar máis oportunidades a quen busca emprego e dar cobertura ás vacantes existentes na actualidade.
Nesta camiño, estanse a reforzar os programas destinados a apoiar o emprendemento e o emprego feminino coa prioridade de captar e reter talento e de avanzar na equiparación salarial e a eliminación das fendas de xénero.