A Xunta destaca o impulso das microformacións como clave para incrementar a competitividade das empresas e potenciar as oportunidades laborais
A Xunta destaca o impulso das microformacións como clave para incrementar a competitividade das empresas e potenciar as oportunidades laborais
José González puxo en valor a necesidade de flexibilizar a formación para o emprego, en liña co sistema de microcredenciais polo que avoga Europa.
Resaltou o lanzamento da convocatoria pioneira de microformacións, dotada con 4M€, destinada a financiar accións formativas a demanda do tecido produtivo galego.
O modelo de accións formativas de curta duración é tamén a empregada polo Programa de arraigamento para a formación, do que esta mesma semana se renovaron os convenios para a posta en marcha da súa segunda edición.
O conselleiro reiterou a demanda feita por Galicia ao Goberno central para que se manteñan as microformacións como unha vía de integración sociolaboral das persoas migrantes na modificación do regulamento de estranxeiría.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, manifestou o firme compromiso da Xunta co impulso das microformacións como unha ferramenta estratéxica para mellorar as oportunidades laborais dos galegos e galegas, favorecer as transicións profesionais, atender as necesidades do tecido produtivo e ofrecer solucións efectivas inmediatas para afrontar un dos grandes retos do mercado: cubrir as vacantes laborais. Así o sinalou hoxe no pleno do Parlamento, no marco da resposta a unha pregunta sobre o impulso das experiencias curtas de aprendizaxe que está promovendo o Executivo galego.
Durante a súa intervención, José González defendeu a necesidade de flexibilizar a formación para o emprego e adaptarse ás esixencias derivadas do novo contexto global, en liña co sistema de microcredenciais polo que avoga Europa. Neste senso, destacou o lanzamento da convocatoria pioneira de microformacións, dotada con 4 millóns de euros, destinada ao financiamento de accións formativas a demanda do tecido produtivo galego e dirixida a persoas traballadoras ocupadas. A través desta orde, ademais de incentivar a obtención de certificados profesionais (grao C), contémplanse tamén de xeito decisivo as formacións de curta duración (grao B, certificados de competencia) e as microformacións (grao A, acreditación parcial), co obxectivo de garantir -sen rixidez e de xeito áxil e inmediato- a adquisición de novos coñecementos requiridos hoxe polas empresas galegas.
Ademais, o titular de Emprego referiuse a que a eficacia das microformacións queda tamén patente a través dos diferentes convenios de colaboración asinados entre a Xunta e os principais clústeres galegos de diferentes sectores, un eido no que a Xunta leva investido desde 2022 preto de 12,3 millóns de euros e grazas aos cales se teñen realizado máis de 2.800 accións formativas das que se beneficiaron 40.700 alumnos e alumnas. Nesta mesma liña, José González lembrou que a boa execución dos fondos de formación xestionados por Galicia permitiu recibir por parte do Goberno central 7 millóns de euros adicionais, que serán reinvestidos para ampliar e potenciar ditos convenios.
José González mencionou tamén o éxito doutras iniciativas como o Bono Talento Empresa, cun orzamento de 2 millóns de euros na súa segunda edición co obxectivo de financiar formacións non regradas de curta duración, axustadas ás necesidades particulares de cada empresa.
Segunda edición do Programa de arraigamento para a formación
Finalmente, o conselleiro de Emprego fixo fincapé en que o modelo de accións formativas de curta duración tamén é a opción empregada polo Programa de arraigamento para a formación que se vén realizando desde o ano 2023 con entidades do terceiro sector e destinado á regularización de inmigrantes. Esta mesma semana se renovaron os convenios con Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas Diocesanas de Lugo e a Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) de Galicia, cun orzamento autonómico de case 1 millón de euros e a previsión de beneficiar a 145 persoas.
A este respecto -e tendo en consideración o éxito da primeira edición, na que o 100% das persoas participantes obtiveron permiso de residencia e o 70%, un contrato de traballo indefinido- reiterou a demanda feita por Galicia ao Goberno central para que se manteñan as microformacións como unha vía de integración sociolaboral das persoas migrantes na modificación do regulamento de estranxeiría.