A Xunta destaca o labor dos centros galegos como o de Madrid para reforzar os lazos coa colectividade galega fóra da comunidade

A Xunta destaca o labor dos centros galegos como o de Madrid para reforzar os lazos coa colectividade galega fóra da comunidade

  • José González puxo de relevo o traballo destas entidades a prol da cultura e tradicións de Galicia e o compromiso do Goberno autonómico para asegurar que sigan sendo un punto de referencia e de encontro para a comunidade galega.

     
  • Salientou o apoio á mocidade galega no exterior para facilitar o seu contacto coas raíces galegas e promover o retorno daqueles que desexen contribuír ao desenvolvemento da súa terra de orixe.

     

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe o Centro Galego de Madrid, onde coñeceu a biblioteca e despachos de coworking dispoñibles neste centro, así como o espazo gastronómico desta entidade e puxo de relevo o seu labor para reforzar os lazos coa colectividade galega na capital e a prol da cultura e tradicións de Galicia -por exemplo a través da Agrupación Rosalía de Castro- e o seu papel como salvagarda dos lazos entre os galegos na capital española e Galicia.

Nesta liña, José González, que na visita estivo acompañado polo presidente desta entidade, Fernando Rey, e polo director da Casa de Galicia en Madrid, Luis Ramos, salientou o apoio da Xunta aos centros galegos para asegurar que sigan sendo un punto de referencia e de encontro para a comunidade galega fóra de Galicia. Ademais, puxo de relevo a importancia de visitas como a de hoxe a este centro fundado en 1892 e as realizadas no mes de xullo a centros da Arxentina e do Uruguai para seguir afianzando o compromiso coa comunidade galega no exterior, tanto nos distintos lugares de España como noutros países. 

O titular de Emprego, Comercio e Emigración insistiu na necesidade de seguir tendendo pontes coa colectividade galega no exterior e no papel dos centros galegos como aliados neste fin e embaixadores da cultura e tradicións de Galicia. Este reforzo de vínculos, subliñou, é moi importante para o retorno dos emigrantes galegos que deciden regresar á nosa terra.

Neste sentido, puxo en valor a contribución da emigración galega no desenvolvemento socioeconómico da comunidade poñendo como exemplo que arredor do 20% das persoas atendidas na Rede de polos de emprendemento son retornadas doutros países ou outros puntos de España ou estranxeiras. Isto demostra, engadiu, que Galicia é terra de oportunidades e que os emigrantes galegos que regresan tamén son unha oportunidade para atraer talento e para impulsar o emprendemento.

Ademais, José González destacou a importancia de apoiar a mocidade galega no exterior para facilitar o seu contacto coas raíces galegas e promover o retorno daqueles que desexen contribuír ao desenvolvemento da súa terra de orixe.

A maiores, o conselleiro recoñeceu a contribución dos galegos do exterior ao longo dos anos, que permitiu e permite conservar e difundir a cultura galega e que é fundamental no desenvolvemento das relacións entre Galicia e o resto de España. Neste contexto, aproveitou a ocasión para agradecer á directiva e aos máis de 180 socios do Centro Galego de Madrid o seu traballo para contribuír a unha Galicia mellor.