A Xunta destaca o papel dos obradoiros de emprego para mellorar as oportunidades laborais da mocidade e dinamizar a economía local
A Xunta destaca o papel dos obradoiros de emprego para mellorar as oportunidades laborais da mocidade e dinamizar a economía local
- A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na inauguración do obradoiro de emprego Xóvenes Moraña-Valga 2.
Un total de 16 persoas desempregadas menores de 30 anos formaranse nas especialidadades de traballos forestais e albanelería.
- O Goberno galego destina este ano máis de 27 millóns do euros ao fomento do emprego xuvenil.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe no acto de apertura do obradoiro de emprego Xóvenes Moraña-Valga 2, no que un total de 16 persoas menores de 30 anos recibirán formación nas especialidades de traballos forestais e albanelería.
A Xunta de Galicia inviste nesta actividade, na que colaboran os concellos de Valga e Moraña, máis de 400.000 euros co obxectivo de formar durante 12 meses mozas e mozos menores de 30 anos en especialidades con demanda na súa contorna.
Tal e como destacou a conselleira, os obradoiros, ademais de brindar máis e mellores oportunidades laborais ás persoas participantes, engaden valor ás contornas. Neste caso, subliñou, as actuacións a desenvolver permitirán realizar melloras forestais e de acondicionamento de tramos do Camiño e espazos naturais destacados, así como a posta en valor de patrimonio cultural nos dous municipios.
O obradoiro hoxe estreado é un exemplo das ferramentas que a Xunta pon a dispor da poboación moza para que atope máis e mellores oportunidades laborais. Trátase de dotar á poboación de formación de calidade, ao tempo que se desenvolve un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, especificou Rivo.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a destinar este ano máis de 27 M€ ao fomento do emprego xuvenil. Máis de 3 millóns diríxense a financiar accións como a que hoxe arranca en Pontevedra, que combinan formación coa práctica profesional e coas que se pretende chegar a unhas 250 persoas novas.