A Xunta destaca o valor dos obradoiros duais de emprego na mellora da empregabilidade e dos servizos para a cidadanía no rural

A Xunta destaca o valor dos obradoiros duais de emprego na mellora da empregabilidade e dos servizos para a cidadanía no rural

  • José González sinalou que estas iniciativas financiadas polo Goberno galego tamén reforzan a colaboración coas entidades locais e permiten que as persoas que participan nelas obteñan un certificado de profesionalidade.

     
     
  • O obradoiro Arrieiros IV beneficiouse dunha achega do Executivo autonómico de máis de 530.000 euros para o seu funcionamento, que abarca a 20 persoas.

  • O titular de Emprego avanzou que proximamente se notificará aos beneficiarios a resolución da convocatoria deste ano para os obradoiros duais dotada con máis de 39 millóns de euros.

  • Lembrou que coas achegas de 2024 se prevé beneficiar a máis de 1.800 persoas sen traballo a través de arredor de 90 accións por parte de concellos ou doutras entidades.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe en San Amaro o local social da parroquia de Santa María das Neves de Grixoa, reformado para uso da veciñanza a través do obradoiro de emprego dual Arrieiros IV, especializado en traballos forestais e de albanelería e que fai servizo a distintos municipios desta comarca do Carballiño. Alí puxo en valor o papel destes obradoiros na formación teórico-práctica para mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que contribúen a mellorar servizos para a cidadanía nas zonas rurais.

O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado; polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e polos alcaldes de San Amaro, Fernando Rodríguez, do Irixo, Susana Iglesias, e de Beariz, Manuel Prado, explicou que estas iniciativas, financiadas polo Goberno galego, tamén reforzan a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais como, por exemplo, os da contorna do Carballiño. Neste caso, o obradoiro Arrieiros IV beneficiouse dunha achega da Xunta de máis de 530.000 euros para o seu funcionamento, que abarca a 20 persoas ás que agradeceu e felicitou polo seu labor.  

Este alumnado realiza labores de conservación e mellora de montes, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, así como operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, de rehabilitación de instalacións interiores, entre outros.  No caso do concello de San Amaro, ademais da rehabilitación do local social de Santa María das Neves de Grixoa, o obradoiro abarca outras actuacións como a plantación de frondosas na parcela dos Cotos e no concello do Irixo inclúe accións de roza e sinalización no camiño Nós, no campo de fútbol, limpeza e roza de núcleos de poboación e de pistas forestais. 

A maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, explicou o conselleiro, bríndaselle a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses.

En relación coa convocatoria de axudas deste ano para o desenvolvemento destes obradoiros duais, o titular de Emprego expuxo que conta cun importe de máis de 39 millóns de euros e avanzou que proximamente se notificará aos beneficiarios a resolución. Ademais, subliñou que con ela a Administración galega prevé beneficiar máis de 1.800 persoas a través da realización de arredor de 90 obradoiros duais. 

A finalidade desta e doutras medidas que desenvolve a Xunta neste eido, sinalou José González, é brindar ás persoas ferramentas para reforzar habilidades e competencias que respondan ás demandas do mercado laboral e permitan obter un emprego de calidade.

Impulso á empregabilidade e ás contornas rurais

Estes obradoiros duais poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal. 

A convocatoria de axudas pon o foco na formación forestal e nas iniciativas centradas na posta en valor das rutas do Camiño de Santiago ou nas áreas declaradas Reserva da Biosfera. Tamén nas propostas de concellos fusionados ou emprendedores e de actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital, así como relacionadas co tecido empresarial e coas posibilidades de inserción futura. 

Para acceder a estes obradoiros, priorízanse as persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional.