A Xunta detalla as medidas que está a levar a cabo para mellorar a xestión das incapacidades temporais e facilitar os trámites a pacientes e profesionais

A Xunta detalla as medidas que está a levar a cabo para mellorar a xestión das incapacidades temporais e facilitar os trámites a pacientes e profesionais

  • A Consellería de Sanidade comeza a incluír probas diagnósticas realizadas polas mutuas na historia clínica electrónica dos pacientes.
  • O Goberno galego, sindicatos e patronal traballan con expertos universitarios para identificar e desagregar as ausencias non xustificadas e favorecer a produtividade.

A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, explicaron as medidas que a Xunta está a poñer en marcha mellorar a xestión das incapacidades temporais e facilitar os trámites a pacientes e profesionais, durante unha mesa redonda celebrada esta mañá pola Asociación Española de Dirección e Desenvolvemento de Persoas (Aedipe).

No apartado sanitario, Natalia Lobato resumiu as medidas máis destacadas que contempla o Plan de mellora e control das incapacidades temporais da Consellería de Sanidade.

Entre elas destacou a colaboración coas mutuas xa que, nos tres primeiros meses deste ano, se realizaron por parte das mutuas 212 probas diagnósticas prescritas polo Servizo Galego de Saúde, pasando estes estudos a formar parte da historia clínica electrónica do paciente IANUS. Deste xeito, axilízase a asistencia polos dispositivos da sanidade pública.

Pola súa banda, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, destacou o traballo que se está a realizar dentro do Diálogo Social para abordar os posibles motivos das elevadas taxas de absentismo laboral que ten Galicia, co obxectivo de artellar solucións dentro da nosa comunidade para blindar os dereitos das persoas traballadoras e poder combater o absentismo laboral non xustificado.

Nesta liña, puxo o foco na mesa de absentismo laboral —constituída con patronal, sindicatos e en coordinación coas consellerías de Economía e Industria e Sanidade—, e na que da man de expertos universitarios se busca avanzar nunha metodoloxía específica para identificar e desagregar as ausencias inxustificadas e favorecer a produtividade das empresas galegas, especialmente as pemes.