A Xunta e a Confederación de Empresarios de Hostalaría e Turismo avanzan na colaboración para cubrir vacantes e reforzar o emprego de calidade
A Xunta e a Confederación de Empresarios de Hostalaría e Turismo avanzan na colaboración para cubrir vacantes e reforzar o emprego de calidade
Na xuntanza, na que tamén participou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, abordáronse retos como a importancia de casar a oferta e a demanda laboral ou o necesario impulso da formación continuada.
- Entre outras cuestións, púxose en valor a aposta da Xunta por aliñar a recualificación da poboación ocupada en liña coas necesidades reais das empresas e outras accións chave para atraer talento exterior, como o Programa Retorna Cualifica Emprego.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantivo esta semana un encontro co presidente da Confederación Galega de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Galicia, José Francisco Real Castro, con gallo de seguir avanzando —no marco da colaboración público privada—en dar resposta a retos do mercado laboral que tamén afronta este sector, como a cobertura de vacantes ou o necesario impulso da formación continuada.
Así, na xuntanza o conselleiro de Emprego puxo en valor diferentes medidas impulsadas pola Xunta no mercado interno para casar oferta e demanda —como a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia— e para favorecer a recualificación e a retención de talento en liña coas necesidades reais dos perfís que precisan as empresas e o tecido produtivo, como é o caso dunha área estratéxica para Galicia como a hostalaría e o turismo. Neste marco, destacou a aposta do Goberno autonómico por poñer a disposición das tecido empresarial —a través de diferentes liñas de axudas— accións formativas a demanda das súas necesidades.
Tamén se referiu ao impulso estratéxico das microformacións como un xeito de garantir de forma áxil a cobertura dos postos de traballo que se ofertan. Vencellado a elas, salientou o programa de arraigamento para a formación dirixido a migrantes en situación irregular, cuxa segunda edición está en marcha coa colaboración de Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas de Lugo, as Escolas Familiares Agrarias de Galicia e a ONG Rescate Internacional. A este respecto destacou que o proxecto —que prevé beneficiar nesta nova andaina a 180 persoas ao tempo que se dá resposta ás necesidades dos sectores económicos que máis man de obra precisan— se artella a través de accións formativas de curta duración e que precisamente o sector da hostalaría e do turismo foi un dos máis destacados do programa na súa primeira edición.
Plan de atracción de talento
Canto á forza laboral externa, na reunión debulláronse as posibilidades enmarcadas no Plan de atracción de talento que impulsa a Xunta. Entre elas, destacaron as oportunidades que ofrece para o sector a segunda edición aberta actualmente do Programa Retorna Cualifica Emprego, que promove á volta á nosa Comunidade de persoas que emigraron ou dos seus descendentes con traballos ofertados en orixe da man das empresas, o obxectivo de beneficiar uns 200 residentes no exterior menores de 55 anos deica finais de 2025. Esta iniciativa outorga ás persoas beneficiarias axudas para a viaxe, formación orientada ao emprego, contrato de traballo indefinido e tamén un apoio económico para o comezo da súa vida de volta a Galicia.