A Xunta e o Concello de Outeiro de Rei avanzan na súa colaboración para impulsar a creación de emprego vinculado ao territorio
A Xunta e o Concello de Outeiro de Rei avanzan na súa colaboración para impulsar a creación de emprego vinculado ao territorio
Na xuntanza tamén participou a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado.
Entre outras cuestións, analizaron o desenvolvemento do obradoiro dual Camiño da Chaira VIII, ao que está asociado este municipio xunto cos de Castro de Rei -entidade promotora- e Cospeito.
Tamén trataron o programa integrado de emprego que promove este concello xunto aos de Rábade, Friol, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abandín e Mondoñedo.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantivo esta semana unha xuntanza co alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, para avanzar na colaboración que mantén o Goberno galego con este concello lucense. Neste sentido, analizaron o desenvolvemento do obradoiro de emprego dual e o do programa integrado de emprego dos que se beneficia este concello.
En relación co obradoiro dual ao que está asociado Outeiro de Rei, denomínase Camiño da Chaira VIII e é compartido cos municipios de Castro de Rei -entidade promotora- e Cospeito. Recibiu unha axuda de case 412.000 euros no marco da convocatoria de 2024, beneficia a 20 persoas desempregadas e está centrado en actuacións auxiliares en revestimentos continuos en construción, de acabados ríxidos e urbanización e operacións de gravación e tratamento de documentos.
Neste sentido, púxose de manifesto a importancia de iniciativas coma esta para dar soporte sectores como o da construción con demanda de man de obra, xa que estes obradoiros son específicamente deseñados para atender as necesidades do tecido produtivo de cada contorna. Deste xeito, tras a formación recibida, os participantes contan con mellores opcións para a súa inserción laboral en empresas da zona.
En canto ao programa integrado de emprego, este municipio ten en marcha un que recibiu unha axuda autonómica de 220.000 euros e que tamén abarca aos concellos de Rábade, Friol, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abandín e Mondoñedo. Esta iniciativa beneficia a 100 persoas dos oito municipios, que pertencen a colectivos con especiais dificultades de acceso a un posto de traballo e que reciben formación para o emprego coa posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas.