A Xunta e os hostaleiros lucenses impulsan un novo programa integrado de emprego que formará a 100 traballadores
A Xunta e os hostaleiros lucenses impulsan un novo programa integrado de emprego que formará a 100 traballadores
O Goberno galego leva investidos 1,7 millóns de euros nas oito edicións deste proxecto, que promove a APEHL para incorporar a profesionais cualificados nas distintas categorías do sector
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tamén destina 750.000 euros a outras tres iniciativas que se desenvolven actualmente en 22 concellos da provincia
A Xunta de Galicia e a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL) impulsan un novo Programa integrado de emprego que ofrece a 100 persoas desempregadas a oportunidade de formarse nas distintas categorías do sector.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dunha das accións formativas incluídas no proxecto, un curso para axudante de camareiro que ten lugar este mes nas instalacións da APEHL e no que participan 12 alumnos e alumnas; estivo acompañado polo presidente da entidade, Cheché Real, entre outros.
Arias explicou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade leva investidos 1.770.800 euros nos programas organizados pola asociación nos últimos anos, incluída esta oitava edición, que conta cun orzamento concreto de 226.160 euros.
Destacou que estes proxectos veñen avalados polas elevadas taxas de inserción laboral, dun mínimo do 45%, xa que o obxectivo é ofrecer unha alternativa laboral aos participantes e facilitar a súa incorporación a un sector no que existe unha elevada demanda de profesionais cualificados. Desenvólvense durante un ano, con actividades en Lugo e Monforte de Lemos.
Na provincia tamén están en marcha outras tres iniciativas similares que involucran a 22 concellos da provincia, financiadas pola Xunta con 250.000 euros en cada caso. Así, o concello de Outeiro de Rei promove un programa xunto cos de Friol, Rábade, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abadín e Mondoñedo.
O de Palas de Rei comparte outro con Monterroso, Portomarín, Antas de Ulla, Guntín e O Páramo, ademais de Melide. E o de Chantada xestiona o terceiro proxecto, no que tamén participan Pantón, Bóveda, Paradela, O Saviñao, Sober, Taboada, Carballedo, e os ourensáns de Coles, A Peroxa e San Cristovo de Cea.
Por último, a Fundación Laboral da Construción convoca outro programa con actividades nas comarcas de Lugo, Santiago, A Coruña, Vigo e Ourense, para o que tamén recibe 250.000 euros
Xunto á formación laboral, os Programas integrados de emprego prestan orientación e asesoramento noutras materias, como formación transversal en idiomas, prevención de riscos, obradoiros de entrevistas de traballo ou fomento da capacidade emprendedora.