A Xunta e Urovesa estudan fórmulas de colaboración para atender a demanda de persoal cualificado para o deseño e fabricación de vehículos especiais
A Xunta e Urovesa estudan fórmulas de colaboración para atender a demanda de persoal cualificado para o deseño e fabricación de vehículos especiais
- A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou hoxe en Valga a área produtiva de Urovesa.
Trátase dunha empresa familiar, un tipo de compañía que representa o 92 % das existentes na Comunidade e máis do 86 % do emprego privado galego.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe en Valga a área produtiva de Urovesa, co gallo de “escoitar as súas demandas en materia de emprego e formación” e buscar solucións á súa necesidade de persoal cualificado para o deseño e fabricación de vehículos especiais. Nese senso, a conselleira destacou que empresas coma esta son as que “xeran riqueza en Galicia”, e de aí o compromiso da Xunta por atender as súas “necesidades e intentar poñer as menores trabas burocráticas posibles”.
Fundada en 1981, cómpre destacar que Urovesa encárgase de deseñar vehículos polivalentes de altas prestacións e última tecnoloxía, con clientes en máis de 30 países e cunha capacidade produtiva que chega aos 5.000 vehículos ao ano. En Valga é onde se sitúa a súa área produtiva desde 2014, máis aló da súa sede en Santiago de Compostela, sendo actualmente unha empresa referente no deseño, fabricación e postvenda de vehículos todoterreo e especiais para o uso militar e industrial, así como para a loita contra os incendios forestais ou a recollida de residuos urbanos.
Na visita, a conselleira agradeceu poder coñecer “o traballo e actividades de Urovesa”. Trátase dunha empresa familiar, con tres fillos do fundador actualmente na compañía, que conta con máis de 300 persoas traballadoras na actualidade. A nivel galego, cabe resaltar que as empresas familiares representan o 92 % do tecido empresarial e máis do 86 % do emprego privado da Comunidade.