A Xunta fía ao emprendemento e ás microformacións laborais un rol decisivo para que Galicia sexa un lugar atractivo para traballar e iniciar unha actividade
A Xunta fía ao emprendemento e ás microformacións laborais un rol decisivo para que Galicia sexa un lugar atractivo para traballar e iniciar unha actividade
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na xornada Triple Hélice, organizada polo Foro Empresa Pontevedra.
Puxo en valor a colaboración entre universidades, tecido produtivo e goberno, en beneficio do progreso de Galicia.
Apuntou que 26.500 persoas xa participaron nas formacións de curta duración que a Xunta está a ofrecer grazas á colaboración cos clústeres e entidades representativas dos sectores que xeran emprego.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na II Jornada Triple Hélice organizada polo Foro Empresa Pontevedra, onde referendou o compromiso do Goberno galego para que Galicia sexa o mellor lugar para formarse, traballar e emprender.
Rivo mostrouse partidaria dunha sociedade moderna e impulsada polos tres actores principais do modelo triple hélice: universidades, tecido produtivo e goberno. Esta filosofía defende que mentres as universidades achegan coñecemento e formación de calidade; a industria xera produtos comerciais e emprego e a Administración actúa como facilitadora.
A Xunta mantén un compromiso coa poboación galega, indicou Rivo, que consiste en acadar un emprego de calidade e un mercado laboral e inclusivo.
Un dos instrumentos para o avance, que está a impulsar o Goberno galego é a microaprendizaxe, que axudará nas transicións verde e dixital. Estas formacións, dixo Rivo, ofrecen unha oportunidade real para persoas traballadoras, por dar solucións a sectores que cambian de forma rápida.
As microcredenciais constitúen unha ferramenta innovadora que a Xunta está a impulsar para apoiar aos traballadores e facilitar as transicións profesionais, indicou a titular de Promoción do Emprego. Esta Consellería asinou convenios de colaboración con clústeres e entidades representativas dos sectores con maior impacto no mercado laboral como o naval, a automoción, enerxías renovables, TIC, ou a construción.
Ata o momento, unhas 26.500 persoas traballadoras, desempregadas e ocupadas participaron nas accións formativas.
Galicia conta ademais coa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego traballa desde hai un ano na dinamización do mercado laboral -sobre todo nas contornas rurais-, por fixar poboación no territorio e por casar a busca de emprego coa demanda existente.
A experiencia está a demostrar que o emprendemento non ten xénero nin idade e que as posibilidades de atraer talento están abertas ao galegos, pero tamén están a ser aproveitadas por persoas procedentes de fóra da comunidade.
En toda Galicia, a Rede de polos de emprendemento, que se atopa en expansión, asesora case 600 persoas que demostran que a comunidade conta con “talento emprendedor diverso e distinto”.
A conselleira amosou, por outra banda, o compromiso do Goberno galego co modelo da economía social que, segundo relatou, aposta polo traballo colaborativo, o emprego igualitario, a eficiencia empresarial e a responsabilidade social.
A Xunta de Galicia traballa na elaboración dunha nova Estratexia de Economía Social e unha Lei de cooperativas coas que buscará axilizar a creación e o funcionamento das entidades. Este modelo, lembrou Rivo, emprega a case 25.000 persoas na comunidade.