A Xunta imparte un novo ciclo de webinarios para dar resposta ás necesidades de captación profesional e tendencias innovadoras do mercado de traballo

A Xunta imparte un novo ciclo de webinarios para dar resposta ás necesidades de captación profesional e tendencias innovadoras do mercado de traballo

Unha das primeiras actividades, ofrecidas pola plataforma Xempre sobre ‘novo liderado’ ten como relator a Santiago Vázquez, galego que dirixe o Centro de liderado emerxente do Instituto Tecnolóxico de Monterrey en México


A seguinte formación, que se imparte en modalidade virtual, celebrarase o 1 de decembro e versará sobre ventas sociais e como repercuten no compromiso das persoas consumidoras coa marca

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade abriu un novo ciclo de webinarios a través do espazo virtual Xempre.gal, co obxectivo de mellorar a formación das persoas traballadoras e dar resposta ás necesidades de capacitación que demanda o mercado laboral. Santiago Vázquez, director do Centro de liderado emerxente do Instituto Tecnolóxico de Monterrey (México) imparte hoxe o curso O novo liderado que transforma ás organizacións: a aliñación do negocio coa organización da plantilla, actividade que pon o foco na capacitación das persoas líderes dos equipos.

 

A iniciativa, que conta con 70 persoas inscritas, enmárcase no espazo Xempre que ofrece a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, cunha oferta de accións formativas gratuítas para todas as persoas interesadas, coas que se quere dar resposta ás necesidades de capacitación profesional e tendencias máis innovadoras.

 

O webinario de hoxe quere contribuír a sentar as bases para que as organizacións adopten novos sistemas ou formas de operar mediante a capacitación dos líderes dos equipos e a implementación de novos sistemas para unha maior eficiencia e produtividade.

 

Santiago Vázquez é doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela; sociólogo, economista e licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid. Tras máis de vinte e cinco anos traballando no ámbito do liderado e a xestión de persoas en varios países, foi Director de Persoas de R, onde desenvolveu un modelo de xestión de persoas orientado a xerar maiores niveis de felicidade no traballo dos colaboradores aplicando a psicoloxía positiva. O modelo foi caso de estudo para o Instituto de Empresa e a Axencia Europea de Seguridade e Saúde Laboral.

 

 

A Xunta ten abertas as inscricións, por outra banda, para o webinario Social selling: ou como xerar engagement coa túa clientela, que impartirá o próximo 1 de decembro de 19,00 a 20,30, Soraya Álvarez, xefa de negocio de clientes para o sur de Europa de Linkedin cun sólido historial de logros en vendas de software. As persoas interesadas nesta actividade poden obter información na seguinte ligazón da web Xempre.gal, onde tamén se recolle a oferta formativa para as próximas semanas.