A Xunta impulsa o emprendemento innovador en Lugo a través de ViaGalicia

A Xunta impulsa o emprendemento innovador en Lugo a través de ViaGalicia

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe no Startup Day desta aceleradora, no que representantes dos 24 proxectos preseleccionados para a sede lucense demostraron as súas habilidades e competencias para pasar á fase de Academia

Ao finalizar o Startup Day seleccionaranse ata un máximo de 20 proxectos en cada sede -Vigo e Lugo- para incorporarse á fase de capacitación do programa

A Administración autonómica apoia esta iniciativa dentro do seu impulso ao emprendemento innovador, xunto a outras aceleradoras como as ‘business factories’ ou Galicia Avanza, de internacionalización da innovación

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, interveu esta mañá no Startup Day de ViaGalicia en Lugo, un encontro no que representantes dos 24 proxectos de emprendemento innovador preseleccionados para a sede lucense teñen que demostrar as súas competencias e dotes emprendedoras.

A directora de Gain desexoulle sorte aos proxectos preseleccionados nesta sétima edición da aceleradora en Lugo e destacou que se agrupan ao redor de tres eixos: a dixitalización, a sustentabilidade e a calidade de vida das persoas, que precisamente coinciden coas tres prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3), coa que están perfectamente aliñados.

Argerey transmitiulles o compromiso da Xunta de Galicia co emprendemento innovador a través do apoio a aceleradoras transversais como ViaGalicia, así como ás sectoriais como as business factories e especializadas, como Galicia Avanza, enfocada á internacionalización da innovación. Ademais, informou aos emprendedores do Mapa de apoios á I+D+i da Xunta de Galicia, que por primeira vez inclúe todos os instrumentos de apoio da Administración autonómica á I+D+i e que está dispoñible na web de Gain.

Despois desta sesión e a do vindeiro mércores na sede de Vigo, o comité avaliador dará a coñecer os proxectos seleccionados en cada sede -ata un máximo de 20- para pasar á seguinte fase da aceleradora, a de Academia. Nesta etapa, os equipos seleccionados formaranse nas ferramentas necesarias para definir o seu modelo de negocio e mellorar as súas propostas de valor.

A participación da Xunta de Galicia en ViaGalicia vehicúlase a través do Igape, Gain e XesGalicia. O Igape cofinancia o 70% do orzamento operativo da aceleradora. Pola súa banda, a Axencia Galega de Innovación achega unha axuda a fondo perdido de 25.000 euros por proxecto, e XesGalicia achegaría financiamento -préstamos participativos- ás startups seleccionadas como invertibles e cun alto potencial de crecemento e escalabilidade.

ViaGalicia é unha aceleradora impulsada pola Xunta de Galicia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, cuxo obxectivo é apostar por proxectos innovadores e invertibles a través da súa participación nun amplo programa de formación, mentoring, coworking e financiamento. Dende a súa posta en marcha, presentáronse máis de 1.400 ideas de proxectos, 78 convertéronse en empresas reais e apoiáronse 459 novos empregos.