A Xunta incentiva as vendas no comercio de Verín ao abeiro das axudas para a dinamización dos centros comerciais abertos dotadas con 2,25 M€

A Xunta incentiva as vendas no comercio de Verín ao abeiro das axudas para a dinamización dos centros comerciais abertos dotadas con 2,25 M€

  • O director xeral de Comercio e Consumo participou hoxe na campaña Móllate polo comercio organizada por CCU Aever Verín, a integración do Centro Comercial Urbano de Verín na Asociación de Empresarios e Empresarias desta localidade ourensá.

     
  • A asociación empresarial de Verín recibiu preto de 50.000 euros no marco da convocatoria para a innovación e dinamización dos centros comerciais abertos, á que este ano se destinan en total 2,25 millóns de euros.

  • Gabriel Alén aproveitou para lembrar unha nova convocatoria aberta desde esta mesma semana: a orientada a potenciar a transformación sostible dos sectores comercial e artesán, así como a impulsar as pemes e autónomos do sector téxtil.

     

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe nos actos da campaña Móllate polo comercio, apoiada pola Xunta e organizada por CCU Aever Verín, a integración do Centro Comercial Urbano de Verín na Asociación de Empresarios e Empresarias desta localidade ourensá.

O director xeral valorou a aposta por converter Verín nun parque acuático por un día co obxecto de atraer ás familias e a todo tipo de públicos ao tempo que se incentiva a mobilidade dos clientes polas rúas comerciais e, en consecuencia, as vendas no comercio local. A finalidade última, asegurou, debe ser concienciar á clientela da importancia de apostar polas compras de proximidade, que non só garanten produtos de máxima confianza e calidade, senón tamén o mantemento do tecido produtivo local que xera riqueza e vertebra o territorio.

O Goberno galego apoia a campaña Móllate polo comercio de Verín no marco dunha achega próxima aos 50.000 euros destinada á asociación empresarial do municipio dentro da convocatoria para a innovación e dinamización dos centros comerciais abertos, á que este ano se destinan en total 2,25 millóns de euros. 

Con estas achegas, subliñou Gabriel Alén, o Executivo autonómico financia actuacións de dinamización comercial, fidelización de clientela, dixitalización ou para o mantemento da unidade xerencial. Grazas á aportación da Xunta, os beneficiarios teñen a oportunidade de financiar gastos derivados de campañas de dinamización, feiras de oportunidades ou eventos de promoción comercial. Tamén descontos de aparcamentos vencellados coas vendas, envíos en liña, mantemento de marketplaces, ou de desenvolvemento de apps de fidelización.

Comercio circular

O director xeral aproveitou para lembrar outra convocatoria aberta desde esta mesma semana: a de comercio circular cuxas axudas por 1,2 millóns de euros se poden solicitar deica o próximo 13 de setembro. En concreto, están orientadas a potenciar a transformación sostible dos sectores comercial e artesán, así como impulsar as pemes e autónomos do sector téxtil a través de novos programas específicos.

A convocatoria está dirixida a comerciantes retallistas con tenda física e obradoiros artesáns, asociacións de comerciantes, así como pemes e persoas autónomas do sector téxtil, dedicadas ao deseño, produción e venda de prendas de vestir, calzado e complementos.

No caso de comerciantes e obradoiros, a orde contempla o programa Eco-Pack, orientado á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño e forma ás dimensións e formato dos produtos, priorizando o uso de materiais reciclados e reutilizables.

No que respecta ao sector téxtil, a convocatoria conta cos dous programas novidosos. Por unha banda, o programa Avanza Téxtil, orientado ao impulso dos pequenos produtores do sector con marca comercial propia. Inclúe accións como a participación en cursos de formación ou obradoiros de confección téxtil, a adquisición de maquinaria de destrución de téxtil para a súa posterior reutilización, a adquisición de maquinaria e ferramentas de corte e confección ou a organización e participación en tendas efémeras como pop ups e showrooms.

Por outra banda, o programa Re-circular recolle accións que promoven o uso de materias primas e tecidos sustentables na produción co fin de reducir os residuos xerados e favorecer a súa reutilización e reciclaxe.