A Xunta inicia da man das entidades especializadas a execución das medidas do I Plan galego contra a trata dotado con 7 M€

A Xunta inicia da man das entidades especializadas a execución das medidas do I Plan galego contra a trata dotado con 7 M€

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo unha xuntanza de traballo cos integrantes da Rede galega contra a trata sexual para iniciar o desenvolvemento das diferentes actuacións
 

Trátase dunha iniciativa que contén diferentes accións, ata 59, para a detección, identificación e protección das mulleres e nenas
 

Galicia recoñece a trata de mulleres e nenas como violencia de xénero e en 2023 consideraranse tamén ás vítimas de explotación sexual

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo unha reunión de traballo coas entidades que conforman a Rede galega contra a trata sexual para dar inicio á execución das medidas do I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024. Así, da man destas entidades especializadas na loita contra esta lacra -un total de doce asociacións- a Xunta comeza co desenvolvemento das diferentes actuacións contidas nesta planificación, ata un total de 59, das que un 61% partiron precisamente a iniciativa destes colectivos.

Dotado con sete millóns de euros, o primeiro Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024 articula políticas que dean unha resposta integral e coordinada ás situacións de trata con fins de explotación sexual co fin de contribuír á súa erradicación. O documento, cunha vixencia de tres anos (2022-2024), sitúa a Galicia, en palabras de López Abella, como “referente”, ao fortalecer os recursos para as vítimas e incidir na erradicación. A través de seis principios reitores e cinco áreas estratéxicas define cerca de 60 medidas que conformarán a actuación integral para a detección, identificación e protección das mulleres e nenas.

Galicia recoñece a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual como violencia de xénero e, como novidade, a partir de 2023, incluirase tamén como vítimas de violencia de xénero ás de explotación sexual, que tamén poderán acceder ás prestacións económicas que lles recoñece Galicia.

López Abella destacou que, deste xeito, as vítimas poden acceder á axuda económica mensual para todas as vítimas da violencia de xénero e a todos os recursos de apoio xurídico, psicolóxico, social e á inserción laboral.

A loita contra a violencia de xénero é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, para este ano destina a este eido 20,5 millóns de euros, un 14,71% máis ca o ano anterior, para non só manter os recursos, servizos e prestacións que xa hai ao dispor das vítimas, senón tamén para reforzalos e amplialos.

O deporte, ferramenta a prol da igualdade

Entre os programas de axudas e recursos que ten a Xunta a disposición das vítimas de violencia de xénero, a secretaria xeral da Igualdade lembrou que o pasado 27 de xaneiro publicouse no  Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde de apoios destinada ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para financiar os proxectos de atención social integral que leven a cabo e estean dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e a vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

A iniciativa conta para 2023 cun orzamento de 450.000 euros, cofinanciados con cargo ao Fondo Social Europeo, o que permitirá chegar a atender as necesidades dunhas 700 persoas. As axudas terán como destinatarias as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro inscritas na área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e con domicilio social en Galicia. O importe máximo dos apoios ascenderá a 70.000 euros, e recibirán maior puntuación as entidades que ofrezan acollemento residencial temporal para dar unha saída ás mulleres vítimas.
 
Entre as actuacións que financiará a Xunta, inclúense a atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades xudiciais, fiscais e policiais con vítimas da trata; asesoramento social e actuacións de apoio directo nas relacións con entidades, organismos e servizos para a realización de trámites administrativos; atención psicolóxica, para abordar posibles trastornos emocionais e/ou conductuais na procura da súa recuperación persoal; así como orientación e asesoramento xurídico e laboral.
 
O Goberno galego apoiará tamén os programas de atención en traballo de rúa, co obxectivo de chegar aos lugares onde se poden atopar persoas vítimas de trata de seres humanos para ofrecerlles información sobre os recursos cos que contan.
 

Desde 2016, ano no que se realizou a primeira convocatoria, concedéronse en Galicia axudas por valor de máis de 3,2 millóns de euros ás entidades, o que permitiu atender nestes sete últimos anos máis de 3.600 vítimas a través dos seus programas.

Estas axudas enmárcanse no conxunto de actuacións que a Xunta mantén desde hai anos para garantir a protección das vítimas a través de protocolos de detección destes casos e a derivación das vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual a profesionais de distintos ámbitos que lles axuden a acceder a recursos de asistencia especializados.