A Xunta inicia en novembro o IV Plan de Formación dirixido ao persoal dos 84 centros de Información á Muller de Galicia
A Xunta inicia en novembro o IV Plan de Formación dirixido ao persoal dos 84 centros de Información á Muller de Galicia
O programa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inclúe 31 horas de formación en cuatro xornadas, tres en liña e unha presencial
Os profesionais poden inscribirse ata o 21 de outubro a través da páxina web www.formacioncimgalicia.gal
O IV Plan de Formación dos Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia arrancará o próximo 2 de novembro. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon en marcha unha nova edición desta iniciativa dirixida aos profesionais dos 84 CIMs galegos, que inclúe 31 horas de formación distribuídas en catro xornadas, tres serán en liña e unha presencial. Na pasada edición, a formación chegou case a un cento de persoal traballador.
Os profesionais interesados en participar nesta actuación poden inscribirse ata o 21 de outubro a través da páxina web www.formacioncimgalicia.gal.
O primeiro curso, de nove horas de duración, celebrarase entre o 2 e 9 de novembro na modalidade on line baixo o título Análise da interseccionalidade e a diversidade de xénero. O módulo abordará diversos aspectos de temática social de forma interseccional, como son a diversidade funcional, incidindo nas súas repercusións nas persoas maiores, e a diversidade sexual na mocidade para dotar ao persoal dos CIM das ferramentas necesarias para unha correcta comunicación desde o coñecemento, o respecto e a liberdade. De xeito máis específico ofreceranse, entre outros, contidos sobre sensibilización e información a familiares de persoas LGTBI; pautas de expresión e acción para o persoal de atención ao público e recursos educativos e de atención sexual; e recursos de atención social para dar cobertura a persoas de avanzada idade en situación de dependencia.
A segunda xornada, Amparar, entender e fortalecer: a abordaxe psicolóxica da violencia de xénero, terá lugar do 11 ao 18 de novembro, tamén na modalidade en liña e con 9 horas de duración. Centrarase na intervención psicolóxica en vítimas de violencia de xénero, para o que se propón un enfoque múltiple, no que se proporán distintas metodoloxías e exemplos de intervención, xunto co traballo en terapias fronte a distintas conductas e trastornos psicolóxicos e o incentivo ao empoderamento feminino. Ademais, colaborarase na xestión das relacións familiares e das consecuencias da violencia de xénero noutros membros da familia.
As ferramentas legais para o cambio. Abordaxe xurídica da violencia de xénero é o título do terceiro curso que se desenvolverá entre o 28 de novembro e o 5 de decembro. Con nove horas de duración en formato dixital, abondará na cobertura legal da violencia de xénero, incluíndo entre os contidos específicos as actualizacións lexislativas en violencia de xénero; formación sobre a modificación do artigo 156 do Código Civil e as implicacións para a terapia con menores; dereito procesal, exposición do proceso; e segredo profesional e obriga de denunciar imposta legalmente, ou obriga de informar con relación ás profesionais dos CIM.
A última xornada será presencial, de catro horas, e terá lugar en Santiago de Compostela o 14 de decembro. Versará sobre a Rede CIM: A importancia do autocoidado entre o persoal na que se fará fincapé na dotación de ferramentas para que o persoal do centros sexa máis consciente do propio estado e poida xestionar as repercusións que ten o traballo na súa propia saúde. Abordaranse os principais problemas físicos e psicolóxicos que se deriven e buscarase contribuír á súa resolución -ou, canda menos, a palialos- mediante o coñecemento de distintas técnicas.
Apoio aos CIM
Os CIM articúlanse como un recurso clave no traballo en igualdade e violencia de xénero pola súa labor de primeira liña en atención ás persoas en situacións comprometidas. O traballo diario pode pasar unha importante factura persoal, ao implicarse con colectivos en situación de vulnerabilidade e vincularse a temáticas de forte carga sensible. Nun contexto como o actual, no que a saúde mental está posicionándose como un dos eixos do discurso nos campos da saúde e é xa algo aceptado as consecuencias que ten a nivel físico, atender ás propias necesidades das persoas que colaboran nos CIM considérase especialmente necesario.
A Xunta apoia o labor dos Centros de Información á Muller de Galicia e financia este recurso cunha orde de axudas que se convoca anualmente para garantir o funcionamento dos 84 centros que existen en Galicia e que dan cobertura a un total de 191 concellos. O Goberno galego financia, en concreto, os postos de traballo -dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica- e dos axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, destinando a este programa 4 millóns de euros este ano.